Monday 25 de November de 2024

Sesenta nenos e nenas de Pontecesures participan nos Campamentos de Verán 2023


Saídas pola vila, deportes, festa da auga e viaxes no tempo a distintas épocas históricas integran a programación semanal

Un total de 64 nenos e nenas participaron ao longo deste mes de xullo nos Campamentos de Verán, unha iniciativa para “promover a igualdade, a corresponsabilidade e a socialización entre as crianzas ao tempo que lles ofrecemos ás familias a posibilidade de compaxinar a vida familiar e laboral”, explica María Teresa Tocino, alcaldesa de Pontecesures. Uns campamentos que terán continuidade durante o vindeiro mes de agosto, nesta ocasión con 42 participantes de idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos.

Coa sede nas instalacións anexas ao pavillón polideportivo municipal, entre as 9:00 e as 14:00 horas a rapazada desfruta dunha variada oferta lúdica que inclúe actividades deportivas, saídas pola vila e unhas divertidas “viaxes no tempo”. E é que, cada semana, o campamento muda de época e temática. Así, durante a primeira semana convertéronse en cavernícolas e coñeceron máis da nosa prehistoria a través de xogos e lecturas. Unha iniciativa que se repetiu coa cultura castrexa e celta, co medievo e coa época exipcia.

Paralelamente, a rapazada desfruta de saídas pola vila tanto a coñecer elementos do seu pasado, como a ponte que une Pontecesures con Padrón, como ata a Praza de Abastos, onde charlaron cos comerciantes e se achegaron aos produtos que venden, produtos quilómetro cero e saudables. De feito, con esa información organizaron un obradoiro de vida saudable.

Así mesmo, as crianzas desfrutan de numerosas festas da auga, onde se divirte a base de globos e cubos de auga. Ademais, practican distintas actividades deportivas como o baloncesto ou o bádminton, combinados con xogos tradicionais como o pano, a comba… Esta mesma semana recibiron a visita do judoca Toño Gómez, que lles ofreceu unha clase de iniciación ao judo.