Friday 22 de November de 2024

Aprobado en pleno o proxecto técnico de redes de saneamento en varios puntos do municipio


• No pleno, celebrado este xoves ás 20:00 horas, tamén se deu conta da substitución da edil Raquel Lema Allo como segunda tenenta de alcalde por Daniel Mata Martínez.

A Casa do Concello de Laxe acolleu onte, xoves 27, un pleno ordinario ás 20:00 horas no que se aprobou o proxecto técnico de execución de redes de saneamento nos núcleos rurais de Foxiños, Cernado, Canle, As Melgueiras e Cabanela-Traba. Este punto contou cos votos a favor de todos os grupos municipais excepto do PSOE e de Unidas Podemos, que se abstiveron. Tamén se deu luz verde á participación na segunda fase do Plan Único da Deputación da Coruña. Neste caso, só se abstivo Unidas Podemos.

Entre os temas que levou o goberno local ao pleno atopábase a modificación do cargo de segundo tenente de alcalde. Así, o concelleiro de Xuventude, Festas e Medio Ambiente, Daniel Mata, substituirá á edil de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura, Raquel Lema Allo. Por outra banda, Sandra Mouzo Pose, responsable das áreas de Servizos Sociais, Emprego e Igualdade será a terceira tenenta de alcalde.

Na orde do día tamén figuraban dúas propostas non dictaminadas para a aprobación da conta xeral do orzamento de 2022 e tamén do expediente de modificación de crédito por un valor de 244.023,91 euros. A primeira delas contou cos votos a favor do PP e a abstención do BNG e PSOE. Unidas Podemos votou en contra. A segunda proposta saíu adiante co voto en contra de Unidas Podemos e a abstención do PSOE. O resto de grupos votaron a favor.

No relativo ás mocións, o partido socialista presentou un total de catro: restricións ao tráfico rodado en algunhas rúas do Concello; reubicación dos contedores de lixo nalgunhas vías municipais; proposta de gravación en vídeo dos plenos e a súa posible incorporación á web do Concello e defensa do servizo básico e esencial da educación pública. Non se aprobou ningunha delas.