Este servizo, que comezou a funcionar esta semana, pretende informar a habitantes, visitantes e hostalaría da necesidade de coidar a nosa cidade de xeito colectivo. Durante todo o verán, o persoal de Santiago Sostible informará a pé de rúa en horario de maña e tarde sobre a importancia de manter a cidade limpa e coidada, tanto por ser Patrimonio da Humanidade como para favorecer a convivencia entre a poboación local e todas as persoas que a visitan. Este novo servizo foi presentado esta mañá por Xesús Domínguez, concelleiro de Sustantibilidade Ambiental.
Segundo explicou Xesús Domínguez, “esta campaña informativa vai estar centrada na xestión de residuos na cidade histórica e pretende informar á veciñanza, aos visitantes e á hostalaría en xeral da necesidade de coidar entre todos a cidade”. O obxectivo deste servizo é que todas as persoas fagan “un bo uso do modelo de recollida e tratamento de residuos para manter limpa esta cidade, que ademais é Patrimonio da Humanidade”, engadiu o edil.
O servizo desenvolverase ata o día 9 de setembro, e será o persoal de Santiago Sostible o encargado de informar aos transeúntes sobre estas cuestións, en horario de 10:00 a 14:00 horas de luns a sábado e de 17:00 a 01:00 horas, de luns a venres.
Dentro do traballo a realizar polo Servizo de Información Ambiental tamén se prevé facer seguimento, informar e resolver dúbidas á cidadanía da cidade histórica sobre o uso das illas de quita e pon e tamén á hostalaría sobre todos os servizos prestados de recollida porta a porta, “un servizo que evita a presenza de colectores as 24 horas do día, concentrándose nun horario de 3 horas, de 20 a 23 horas”, recordou o concelleiro.
Xesús Domínguez, salientou que desde a Concellaría de Sustentabilidade Ambiental, “poñemos todos os medios para conseguir un Santiago máis Sostible, e trasladar a todas as persoas que nos visiten, que son parte activa do mantemento da calidade medioambiental da cidade”. O obxectivo tamén é “transmitirlles unha idea máis xenérica como que o mar comeza nas rúas de Compsotela, para evitar que as cabichas sexan tiradas indiscriminadamente ao chan, cheguen ás alcantarillas e contaminen os cursos de auga e cheguen aos ríos e o mar”.
Campaña ‘Ti tes a chave’
Ademais, no marco da campaña ‘Ti tes a Chave’ coa que o Concello de Santiago promove a recollida de materia orgánica e a compostaxe, o vindeiro luns, 31 de xullo, estará a disposición de todas as persoas interesadas, un stand para informar sobre o uso de colectores marróns e para repartir packs de iniciación e a chave. Este punto de información estará operativo o vindeiro luns desde as 09.30h ata as 13.30 na rúa Manuel Beiras, en Cornes (Conxo).
Tamén se poder recoller o kit e a chave de maneira continuada nos seguintes Centros Socioculturais: Aurelio Aguirre de Conxo, Fontiñas, José Saramago de Vite, Agustín Bueno do Castiñeiriño, Maruxa e Coralia e Santa Marta.
‘Santiago Sostible’
‘Ti tes a chave é unha campaña que forma parte de Santiago Sostible, iniciativa paraugas do Concello de Santiago que engloba todas as accións e proxectos para a xestión do servizo de limpeza viaria e de recollida de lixo.
Na súa web, santiagosostible.gal, pódese atopar toda a información ao respecto das diferentes campañas.