Friday 22 de November de 2024

San Sadurniño estrea os plenos ordinarios do mandato


Na sesión aprobáronse os festivos locais de 2024, a solicitude á Deputación dunha axuda de 80.000 euros para o proxecto A Fusquenlla e as asignacións para os grupos municipais

O Concello de San Sadurniño celebrou onte á tardiña o primeiro pleno ordinario do novo mandato corporativo. Na orde do día ían catro temas principais para deliberación e acordo que en principio non se prestaban ao debate e para os que se agardaban votacións unánimes ou, polo menos, sen votos en contra por parte da oposición. E así foi. Saíron adiante co favor de toda a corporación a acta da sesión anterior, os dous festivos locais de 2024 -o 13 de febreiro e o 2 de xullo- e a solicitude á Deputación dunha achega económica 80.000 euros para ampliar o equipamento do centro de transformación agroalimentaria A Fusquenlla. Tamén se aprobaron -cos apoios do BNG e do concelleiro do PSOE e a abstención do PP- as asignacións para os grupos municipais que quedaran pendentes do pleno organizativo. Neste sentido, cada formación percibirá un fixo de 50 euros mensuais máis 10€ por cada integrante.

As dúas primeiras cuestións aprobadas non motivaron ningunha inervención por parte da oposición. Foi a terceira, relativa á mellora do equipamento da Fusquenlla, a que iniciou as roldas. O equipo de goberno explicou que a razón de traer a pleno a solicitude da axuda provincial obedeceu a un requirimento da propia Deputación para que os catro concellos implicados no proxecto -San Sadurniño, Moeche, Cerdido e Valdoviño- ratificasen no máximo órgano municipal a súa petición, que suporá unha achega de 80.000 euros xa comprometida para cofinanciar a merca de distintos equipamentos das liñas de horta e mel cun investimento total de 101.500 euros.

Os tres partidos con representación na corporación anunciaron o seu voto favorable, aínda que por parte do PP se demandou un regulamento de usos do centro que estableza as normas sobre o seu funcionamento, a posible entrada de máis municipios e os criterios de acceso aos cursos formativos que xa se están impartindo.

No cuarto e último punto da parte resolutiva da sesión votouse a actualización das contías que percibirán este mandato os grupos municipais. Un tema que, segundo expuxo a portavoz do BNG, Mari Carme Muíño, suporá a posta ao día duns importes “que levaban anos sen actualizarse”. Así, os 30 euros por grupo e 6,97 euros por cada representante público pasarán, con efectos desde este mes de xullo, a 50 euros e 10 euros respectivamente. BNG e Grupo Mixto votaron a favor, mentres que o Partido Popular optou pola abstención seguindo a postura mantida no pleno organizativo cando se trataron as asignacións.

Rogos e preguntas
Despois da abordar a parte de control, na que se mencionan unicamente os títulos de decretos, resolucións e comunicacións efectuadas nas últimas semanas por parte da alcaldía, o pleno entrou no seu último tramo, ocupado polos rogos e as preguntas, do que adoitan derivar debates intensos. Esta primeira sesión ordinaria do mandato veu marcada non tanto polo tono das controversias, senón polo número de cuestións expostas.

En canto a rogos houbo dous do PP, quen pediu en primeiro lugar que se fixese “algo” por mellorar o contorno do paseo fluvial do Xubia e a limpeza do propio cauce. O alcalde lembrou que ese “algo” xa se ía facer, por medio do proxecto cercano aos 500.000 euros financiado polos fondos da Transición Xusta que prevé acondicionar toda a zona con novos sendeiros e outros equipamentos. García informou que esta mesma semana chegara a resolución definitiva da concesión da axuda estatal, que cubrirá o 100% do investimento.

No tocante ao estado do río, García precisou, porén, que a retirada de maleza e árbores caídas do curso do río “é competencia de Augas de Galicia” e que neste sentido xa se lle comunicou tanto a este organismo como á propia conselleira responsable da área a necesidade dunha limpeza “que o Concello non pode facer pon non ser unha competencia municipal”. No seu segundo rogo, o PP solicitou a instalación dun espello convexo á saída da pista do campo de fútbol de Santa Mariña do monte.

As preguntas da oposición, todas formuladas polo grupo popular, interesáronse polo estado da tramitación dunha limpeza subsidiaria dunha leira en Cornide, polas medidas dunha pista aglomerada recentemente na mesma zona e polas razóns de que a galería do Concello se encontre apuntalada e balizada con cinta.

O alcalde foi debullando as respostas unha por unha, comentando que as limpezas subsidiarias deben seguir un procedemento administrativo “que é lentísimo” debido a unha normativa “moi garantista” que retrasa a solución a unha “situación moi complexa” -a das fincas cheas de maleza- que se vive noutras partes de San Sadurniño e no resto de Galicia e que, segundo García Casal, require unha acción coordinada “entre todas as Administracións”.

En canto á segunda pregunta, relativa ao ancho dunha nova pista aglomerada en Cornide, o alcalde aclarou que a nova vía (que non ten saída e que dá acceso a unha vivenda na que vive unha persoa con mobilidade reducida) se executou “segundo o proxecto” e coas mesmas medidas que constan no inventario municipal. a pesar de que o propio PP votou a favor de levar a cabo un proxecto de restauración.

Sobre o asunto do balizamento de precaución na galería da casa consistorial, o rexedor lembroulle ao PP que as cintas e puntais de seguridade colocados na estrutura responden ao proxecto de restauración -no que se investirán arredor de 200.000 euros- “que está a punto de executarse” e polo que, ironizou García, “vós votastes a favor”.

Noutra orde de cousas, os representantes do PP tamén preguntaron pola frecuencia de limpezas do sendeiro do Castro, polas previsións de reparar a pista das Calvelas -que o executivo se comprometeu a introducir nalgún dos próximos plans de obras- e pola publicidade da bolsa de emprego de Educación Familiar e da convocatoria do posto de xuíz ou xuíza de paz, cuestións estas últimas que foron respondidas pola secretaria municipal.