_A provincia máis beneficiada foi A Coruña con 87 axudas para 53 concellos; seguida de Lugo con 51 axudas para 35 concellos. En Pontevedra repartíronse 44 axudas para 30 municipios, unhas cifras moi similares as de Ourense que obtivo 43 axudas para outros 30 concellos
_Perante o éxito desta convocatoria que provocou que 22 solicitudes de entidades municipais foran desestimadas por esgotamento de crédito, a Xunta decidiu sacar unha nova convocatoria de 2 millóns de euros para poder cubrir estas e outras novas peticións que será publicada nas vindeiras datas.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución pola que se publica a concesión de subvencións dirixidas a concellos para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable. En total foron 148 os concellos beneficiados -máis do 47% de todos os concellos galegos- con algunha das dúas liñas -instalacións ou equipamentos- ou con ambas as dúas.
O importe total destas axudas ascende a preto de seis millóns de euros (5.822.492 euros), dos que 3,4 millóns serán sufragados neste 2023 e os 2,4 restantes en 2024. Do orzamento total, 5 millóns de euros van destinados á liña I -instalacións deportivas- e os restantes 800.000 euros á liña II -equipamento deportivo inventariable-.
A provincia máis beneficiada foi A Coruña con 87 axudas para 53 concellos; seguida de Lugo con 51 axudas para 35 concellos. En Pontevedra repartíronse 44 axudas para 30 municipios, unhas cifras moi similares as de Ourense que obtivo 43 axudas para outros 30 concellos. En termos económicos, A Coruña acadou un financiamento de 2 millóns de euros. Lugo alcanzou os 1,4 millóns de euros. Pontevedra e Ourense, situáronse ao redor de 1,2 millóns de euros.
Cómpre salientar que os importes das subvencións serán o 80% do investimento subvencionable, ata o límite de 50.000 euros na Liña I -instalacións- e 10.000 euros na Liña II -material-. A porcentaxe restante será achegada pola entidade beneficiaria.
Perante o éxito desta convocatoria que provocou que 22 solicitudes de entidades municipais foran desestimadas por esgotamento de crédito (todas elas na liña I de instalacións deportivas), a Xunta decidiu sacar unha nova convocatoria de 2 millóns de euros para poder cubrir estas e outras novas peticións. Esta nova orde será publicada nas vindeiras datas.
Deste xeito, a Xunta de Galicia sacará neste 2023 tres novas ordes plurianuais para instalacións deportivas. Ademais desta primeira orde para concellos de 6 millóns de euros e a segunda, que terá un orzamento de 2 millóns de euros; tamén cómpre destacar a orde para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora das instalacións de entidades deportivas cun orzamento de preto de 1,3 millóns de euros (sendo executados neste 2023, 600.000 euros). Con todo, o Goberno galego destina neste 2023 preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50% de todo o orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que neste exercicio acada máis de 44 millóns de euros.
Reparto por provincias
Un total de 53 de concellos coruñeses repartíronse 87 axudas da orde. En total, foron, 34 os municipios da provincia beneficiados con axudas en ambas as dúas liñas: A Laracha, Ames, Ares, Bergondo, Boimorto, Boiro, Carnota, Cariño, Carral, Cedeira, Cee, Corcubión, Frades, Irixoa, Mesía, Miño, Moeche, Monfero, Noia, O Pino, Ordes, Outes, Oza-Cesuras, Padrón, Ribeira, Santiso, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vilarmaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas. Outros oito percibiron axudas pola liña I, dedicada a instalacións deportivas: A Baña, Aranga, As Somozas, Cabanas, Cerdido, Dumbría, Melide e Santa Comba. Mentres que once foron os beneficiados na liña II, dedicada a material deportivo: Abegondo, Arteixo, Brión, Culleredo, Dodro, Muros, Fene, Ponteceso, Pontedeume, Porto do Son, Valdoviño.
Na provincia de Lugo foron 35 os concellos beneficiados con 51 axudas. Un total de 16 municipios foron subvencionados nas dúas liñas -instalacións e material-: Antas de Ulla, A Pontenova, Barreiros, Becerreá, Begonte, Cervo, Chantada, Guitiriz, Lourenzá, O Páramo, Ourol, O Valadouro, Ribeira de Piquín, Portomarín, Xermade e Xove. Unha ducia recibiron axudas da liña I para as súas instalacións: Abadín, Burela, Bóveda, Corgo, Cospeito, Lugo, Negueria de Muñiz, Outeiro de Rei, Pol, Sober, Trabada e Viveiro; e outros sete pola liña II para material deportivo: Folgoso de Caurel, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Pantón, Quiroga, Ribadeo e Riotorto.
En Ourense, 30 municipios obtiveron un total de 43 axudas. Por unha banda, trece concellos recibiron axudas tanto para as súas instalacións como para material deportivo: A Peroxa, Bande, Calvos de Randin, Castro Caldelas, Cartelle, Coles, Maceda, Muíños, O Irixo, Ribadavia, Vilar de Barrio, Vilar de Santos e Vilamartín de Valdeorras. Por outra banda, outros catorce municipios -A Merca, A Rúa, Avión, Baltar, Beariz, Castrelo do Val, Celanova, Esgos, Leiro, O Barco de Valdeorras, Oímbra, Taboadela, Vilamarín e Vilariño de Conso- recibiron subvencións para as súas infraestruturas; mentres que A Veiga, Cortegada e San Xoán de Río foron os tres concellos ourensás beneficiarios da liña II, para material deportivo.
Unha suma de 44 axudas foron concedidas a 30 municipios da provincia de Pontevedra. Deles, un total de 14 obtiveron axudas polas dúas liñas: A Estrada, Baiona, Catoira, Crecente, Fornelos de Montes, Meis, Moraña, Mos, Oia, O Rosal, Pazos de Borbén, Ribadumia, Soutomaior e Vila de Cruces. Outros once, recibiron subvencións só para as súas instalacións deportivas: A Cañiza, A Lama, As Neves, Arbo, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Forcarei, Ponte Caldelas, Pontecesures, Portas e Silleda; e outros cinco -A Guarda, Cuntis, Salceda de Caselas, Valga e Vilanova de Arousa- para material deportivo.