O escritor e director da publicación, Vicente Araguas, presentou a publicación xunto ao secretario de redacción, Manuel Pereira Valcárcel, nun acto que reuniu a numeroso público
Numeroso público congregábase onte á tarde no salón de actos da Casa da Cultura para asistir á presentación do último número da Revista Olga editada pola Asociación Cultural Río Xuvia. O escritor e director da publicación, Vicente Araguas, conducía o acto acompañado de Manuel Pereira Valcárcel, secretario de redacción da revista, que neste volume, o 12º, leva por título “Diversións”. Diversións no sentido da diversidade de autores que se recollen nas súas páxinas, e tamén do sentimento que espertou o proceso de selección nos promotores da publicación. Autores diversos como Robert Lowell, Bob Dylan, Philip Larkin, Idea Vilariño, Antonio Martínez Sarrión… e un longo etcétera. Autores de lingua inglesa, italiana, francesa, checa, alemá, catalán, euskera e castelán traducidos ao galego polo propio Vicente Araguas, Klára Goldstein, María Pereira Rico, José Luis Garrosa, Manuel Pereira Valcárcel, Rafa Yáñez, José Miguel González Soriano e Karlos Cid Abasolo. Unha publicación que xa está na Biblioteca Municipal de Neda, e que pode adquirirse mediante suscrición ou venda directa (solicitándoa nos correos manuelpereiravalcarce@gmail.com ou ryjato@ucm.es).
Dende os seus inicios, o Concello de Neda, e tamén a Xunta a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, apoia a revista que, como ben definiron algúns dos intervintes onte, é a día de hoxe, na era dixital, un acto de valentía e de rebeldía. Ese apoio non fai casual a súa presentación en Neda, edición tras edición. E na de onte, co magnífico broche de ouro que puxeron escritores de Neda ou enraizados en Neda como Xoán García e Antonio Polo, os autores Ana Varela e Carlos Neira, e a animadora sociocultural Copi Villaamil. Facíano a través das súas voces, reunidas nun magnífico recital poético.