Segundo os datos publicados pola Xunta de Galicia no día de onte, a perda de viaxeiros que tivo Cal Pita do 15 de xuño ao 15 de xullo do 2022 no servizo á praia de Santa Cristina foi de 800 pasaxeiros. Unha cantidade moi inferior e que nin se aproxima aos 6.500 pasaxeiros mensuais (19.700 pasaxeiros durante os 3 meses de verán) que Cal Pita dixo ter perdido durante o funcionamento do bus urbano 1-A da Coruña.
Estes datos dan a razón ao Concello de Oleiros nas súas demandas de que Cal Pita xustificase debidamente a perda de viaxeiros antes de “agasallar” con 49.000 euros de cartos públicos a unha empresa privada. A Xunta de Galicia, cómplice da compañía de transportes, adoptou unha postura belixerante contra o Concello e os intereses da cidadanía impedindo a renovación do convenio que permitía que o bus urbano 1-A da Coruña chegase ata Santa Cristina do 15 de xuño ao 15 de setembro.
Resulta escandaloso que os responsables da Xunta sirvan de forma tan descarada a unha empresa privada, desatendendo por completo as súas competencias de promover o transporte público. Que interese ten a conselleira Ethel Vázquez en beneficiar a unha compañía privada desta maneira tan torpe? Non se pode tolerar que as administracións públicas sexan utilizadas para lucrar a empresas de maneira inxustificada.