O voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, subliñou que “para ter unha programación cultural e de ocio á altura do que esta cidade merece é preciso realizar un esforzo de investimento importante”
O pleno do Concello aprobou hoxe destinar un suplementode crédito por valor de 2,2 millóns de euros a reforzar a programación cultural municipal promovida polo Goberno de Inés Rey neste segundo semestre do ano.
O concelleiro da área de Economía e Planificación Urbana e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, subliñou que “o Goberno municipal leva traballando xa tempo para conseguir que esta cidade sexa un referente cultural e de ocio no norte de España. Ese é o obxectivo e se está a acadar, mais resulta obvio que para ter unha programación cultural e de ocio á altura do que esta cidade merece é preciso realizar un esforzo de investimento importante”.
A este respecto, Lage apuntou “ao retorno que ten para a economía da cidade o feito de poder contar cunha programación de alto nivel, algo por todos coñecido: o turismo, a hostalaría e o pequeno comercio obteñen durante os meses de verán un importante volume de facturación que, sen a programación de grandes eventos, non sería posible”.
É o caso, por exemplo, do WOMEX, unha feira musical internacional que, durante o mes de outubro, reunirá a máis de 3.000 congresistas, que abranguen desde programadores ata promotores, empresas discográficas, xornalistas e artistas chegados de todo el mundo.
“As cidades teñen que investir para manter e mellorar a súa dinamización económica, algo que tamén se traduce na creación de emprego e xeración de recursos”, concluíu Lage, quen destacou que A Coruña é hoxe, catro anos despois da chegada da Inés Rey á alcaldía, un referente cultural e turístico de ámbito nacional.
O proxecto de modificativo de crédito xa foi exposto e autorizado, na Xunta de Goberno Local que tivo lugar o pasado 21 de xullo. O seguinte paso era a elevación ao pleno da
proposta do modificativo, un trámite imprescindible con vistas á súa aprobación inicial, tal e como se concretou hoxe na sesión plenaria.
O modificativo finánciase principalmente co remanente líquido de tesouraría (un millón de euros) e con fondos procedentes doutras partidas xenéricas non esgotadas do actual orzamento e cuxa modificación non afecta ao normal funcionamento do Concello.