Friday 22 de November de 2024

Unhas 170 persoas participaron na andaina contra a violencia de xénero organizada polo Concello de Lousame e o CPI Cernadas de Castro


Unhas 170 persoas, na súa maioría nenos e nenas do CPI Cernadas de Castro, participaron na andaina contra a violencia de xénero organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Lousame, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Un acto que comezou coa lectura dun manifesto a cargo da concelleira de Igualdade, Silvia Agrafojo, quen pediu ás mulleres “que denuncien, que saiban que non están soas e que se apoien na familia, nos amigos, nas institucións” e que sexan “donas das súas vidas, que non s deixen controlar”.

Agrafojo asegurou que con actos como o de hoxe “queremos que as vítimas sintan o noso apoio e que a violencia non quede no ámbito do privado. Hai que denunciar as agresións” porque “só así chegaremos a unha sociedade verdadeiramente xusta e igualitaria”. Tras gardar un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia de xénero, catro alumnas de Latín do CPI Cernadas de Castro leron lectura ao poema “Zapatito de Cristal”, de Carlos Ledo; e tres acrósticos elaborados na clase.

Os acrósticos dicían: “Violencia. Vida Ilusionada que queda interrompida pola acción dun home que prometeu amor e Ledicia sen fin. En troques diso, Non a fixo feliz. Comparte as penas coa xustiza, que non lle ofrecerá axuda ata que non a poida pedir”; “Muller. Maltratos diarios Únicos e intransferibles. Lei que non protexe. Loita que non cesa. Ela e a súa soidade. Refuxiados no medo”; “Asasinos. Atemoriza a quen deberían ser os Seus. Arrebátanlles as ilusións. Sofren a cotío Inxustas aldraxes Non desexadas. O teu testemuño será fundamental”.

Andaina

Baixo os lemas xerais “Engánchate ao bo trato” e “Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero”, unha trintena de veciños e veciñas uníronse á andaina na que participaron a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde e ás concelleiras de Igualdade, Silvia Agrafojo, e Xuventude, María Regenjo. Todos eles levaban nos seus corpos ununius adhesivos con forma de man violeta, símbolo da loita contra o maltrato, que elaboraron os alumnos e alumnas do CPI Cernadas de Castro.

Un alumnado que se uníu á marcha coas súas propias pancartas: “Se amas a alguén, dálle liberdade”, “Comparte a túa vida, non a entregues”, “Faina chorar, pero de risa”, “Ti non pertences a ninguén” ou “Respectar, dialogar, educar, enamorar”. A andaina partiu do CPI Cernadas de Castro pasadas as 15:30 horas e, tras unha camiñata de 4,5 quilómetros, rematou no mesmo punto de partida. No punto intermedio, o Concello entregou a todos os participantes unha chapa co lema “Engánchate ao bo trato”. Persoal de Protección Civil e traballadores municipais velaron pola seguridade da marcha, cortando ao tráfico os camiños polos que discorreu.