• Pasará de cobrar 25.658 € en Oroso a 31.552 € en Arzúa.
A candidata do BNG á alcaldía do concello de Oroso nos pasados comicios do 28 de maio, Isabel Fernández Gallego, ocupará a praza de persoal de confianza do novo goberno tripartito de Arzúa.
A nova secretaria do alcalde de Arzúa, Xoán Xesús Carril, leva xa días ocupando o posto de traballo que nos últimos 20 anos estivo desempeñado pola persoa de confianza do ex-rexedor, José Luis García. Trátase dunha persoa de claro perfil político, que forma parte do núcleo duro do BNG, foi concelleira dos nacionalistas en Oroso nesta última lexislatura e exerceu de tenente de alcalde con dedicación pola que percibía uns 25.658 €. No ano 2015 foi nas listas do BNG de Oroso, encabezada daquela por Xosé Manuel Pérez Penas, alcalde de Melide dende 2019. Nas pasadas eleccións locais do 2018 de maio, foi a candidata á alcaldía.
A súa contratación responde, claramente, a unha nova manobra do BNG de Arzúa que, lonxe de cubrir a praza cunha traballadora cun perfil profesional acorde ás funcións que se sinalan en dita praza (comunicación e protocolo, fundamentalmente), dado que non ten estudos nin experiencia relacionados co seu posto e a súa labor será a dunha cuarta concelleira dos nacionalistas, esa cuarta acta que o BNG non logrou nas urnas.
Para o Partido Popular de Arzúa este é un exemplo máis do despropósito do novo goberno tripartito que BNG, Alternativa por Arzúa e PsdG-PSOE formaron en Arzúa. “Seremos os veciños e veciñas de Arzúa quen pagaremos o salario desta nova traballadora, 31.552 euros anuais, para unha persoa que nin é veciña nin ten experiencia profesional, e cun descoñecemento absoluto da situación actual do noso concello pero para a que o BNG tivo que buscar acomodo trala súa saída do Concello de Oroso, onde actualmente goberna o Partido Popular en maioría”, sinala Rafael Rivadulla, voceiro do PP de Arzúa.
Esta nova fichaxe na secretaría da alcaldía confirma, definitivamente, o cinismo e a hipocrisía do exalcalde de Arzúa, José Luis García. Non só condena a Arzúa a pagar nos vindeiros catro anos o goberno máis caro da súa historia, do que el cobrará 40.200 euros anuais, senón que entregou sen remordemento o posto de traballo da súa persoa de confianza dos últimos doce anos ao BNG, a pesar de ter dito en numerosas ocasións que o pacto de goberno do tripartito non sería posible sen a conservación do posto de traballo da súa secretaria.