O TradFest foi presentado esta mañá pola concelleira Pilar Lueiro, acompañada de Jacobo Sutil, Vítor Belho e a artista Verónica Codesal
Xurxo Fernandes e Verónica Codesal pecharán o festival presentando os seus novos proxectos na Praza da Quintana. Haberá novas propostas como Mondra, De Ninghures ou Abril, xunto con bandas internacionais como os bretóns Neizh, a banda internacional Mastika e os belgas Duplex. Tamén obradoiros, regueifas e actividades para os nenos desde a mañá, nun enclave único como o parque de Bonaval
Este domingo día 30 de xullo celebraráse a quinta edición do TradFest, dentro do programa das Festas do Apóstolo. O festival aglutina a algúns dos artistas máis representativos da escena folk galega e internacional, con apostas como o músico Xurxo Fernándes ou a galega asentada en Bélxica e integrante do grupo Ialma, Verónica Codesal, que ven de presentar o seu novo proxecto 100 Voltas. Unha decena de artistas galegos e varias propostas internacionais de relevancia no panorama folk, escollidas por seren apostas frescas que avogan por unha renovación do contemporáneo a través da tradición.
Con catorce actuacións diferentes, catro deles artistas internacionais, o TradFest estrutúrase en varios espazos adicados a cantos, músicas, bailes e cordas e sopros. Tamén inclúe obradoiros, feiras de artesanía e ruadas. As actividades comezarán ás once e media da mañá e continuarán durante todo o día o Parque Bonaval de Santiago de Compostela e o seu entorno privilexiado. A programación terá o seu remate na Praza da Quintana cos concertos de Xurxo Fernandes e Verónica Codesal.
“Serán doce horas de baile e festa rachada”, avanzou esta mañá na presentación Pilar Lueiro, Concelleira de Festas do Concello de Santiago. Nesta presentación tamén estiveron Jacobo Sutil, como director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), que apoia ofestival, así como Vítor Belho de Nordesía e a artista Verónica Codesal. “É unha magnífica programación que propicia a xuntanza de artistas co público”, afirmou o director de Agadic.
Pola súa parte, Verónica Codesal amosouse “emocionada e agradecida de poder comezar unha nova xira en Galicia”, mentres Vítor Belho agradeceu ter a oportunidade de levar a cabo este certame que “dará visibilidade a un fenómeno como é a eclosión da música tradicional, con numerosas propostas novas e frescas”. O Festival tamén conta co apoio de La Voz de Galicia.
O TradFest contará coa presenza de varias formacións internacionais, que achegarán diversas propostas de diferentes países europeos, como os bretóns Neizh, formados no prestixioso departamento tradicional Higher Bridge, na rexión francesa do Pays de Loire, o proxecto de sons internacionais de Mastika, composto por músicos afincados en Barcelona, ou o dúo belga Duplex.
O TradFest tamén ten como obxectivo visibilizar novas propostas do panorama tradicional galego como Mondra, Abril ou De Ninghures e achegar a música á xente, a través das ruadas dos Enxebres de San Lázaro. O festival levaráse a cabo en tres escenarios situados no parque de Bonaval e, para os concertos finais, na praza da Quintana. A entrada será de balde tanto ao peche na Quintana como ao recinto do parque.
Ademais de música, o TradFest tamén dará cabida a outras actividades como unha feira de artesanía e diferentes obradoiros. Entre estes, destacan o obradoiro de regueifa con Alba María. A filóloga, cantante, investigadora regueifeira é un dos nomes fundamentais para entender o panorama actual da improvisación en Galicia.
Os concertos finais correrán a cargo de Xurxo Fernándes e Verónica Codesal. O músico galego aúna no seu novo proxecto Levaino! as dúas vertentes creativas que marcan a súa traxectoria. Un recoñecido traballo de estudo etnográfico da música e tradición oral galega únese á apaixoada interpretación da música urbana xudía dentro do Imperio Otomano. Fernándes ven de estudar amplamente esa tradición no seu sorprendente proxecto Jako el Muzikante.
Pola súa banda, a cantante Verónica Codesal, que xa conta con experiencia no mundo da música con proxectos previos: Ialma, Gaizka, Project, Alegría e Liberta ou Urban Trad, cos que chegou representar a Bélxica en Eurovisión, acadando o segundo posto. A belgo-galega volta a Galicia para estrear nesta edición do Compostela TradFest o seu propio proxecto, baixo o nome de 100 Voltas. Esta nova andaina conta coa colaboración de Didier Laloy ao acordeón, Damien Chierici ao violín e Boris Tchango á percusión e batería.
O TradFest pretende ser un festival aberto e interxeneracional, que nos últimos anos se asentou como o evento final que pecha as Festas do Apóstolo.