O goberno municipal de Culleredo aínda non convocou o Pleno de Organización no que debe dar conta da estructura política da súa administración e que xa se celebrou en tódolos concellos da Comarca.
Diante da situación de parálise do goberno municipal, o BNG de Culleredo ten trasladado ao goberno municipal e ao PSOE de Culleredo máis de 50 medidas a levar a cabo dentro dos 100 primeiros días de actividade do novo goberno.
Segundo o portavoz nacionalista, Tono Chouciño, “as medidas trasladadas polo BNG ao goberno municipal de Culleredo son esenciais para contar cun goberno que se poida chamar transparente e decente”.
O BNG de Culleredo vén de trasladar ao goberno municipal e á organización do PSOE na localidade, un documento con máis de 50 propostas a levar a cabo nos 100 primeiros días de goberno. O goberno municipal está actualmente desaparecido, provocando unha situación de parálise ao non convocar o Pleno de Organización no que debe dar conta da súa proposta de organización política para a administración local. Este Pleno, obligatorio por Lei, xa se celebrou en tódolos concellos da Comarca e na práctica totalidade dos concellos galegos. Descoñecemos as causas que provocan este retraso na convocatoria do Pleno en Culleredo.
Porén, a veciñanza de Culleredo non debe ser quen soporte a ineficacia do goberno municipal. É por isto que o BNG cullerdense xa ten trasladado medidas esencias para a rexeneración democrática en Culleredo, principios fundamentais que para a organización nacionalista son condición sine qua non para debater calquera iniciativa do goberno municipal.
O documento inclúe propostas en varios eidos da vida municipal: dende a inmediata posta en marcha das licitacións de contratos esenciais que levan anos extinguidos, tales como o abastecemento de auga potable, a limpeza viaria ou a axuda no fogar, até a convocatoria anual de subvencións ás entidades sociais, culturais e deportivas do concello. As propostas englóbanse en áreas como a contratación transparente, posta en marcha de obras paralizadas, orzamentos participativos, apoio á participación veciñal, xestión eficiente do persoal ao servizo do concello, posta en marcha definitiva do PXOM e do servizo de urbanismo, ou depuración de responsabilidades en contenciosos que están a supoñer perdas millonarias para as arcas municipais.
Segundo o portavoz nacionalista, Tono Chouciño, “agardamos que o PSOE de Culleredo e o goberno municipal atendan e leven a cabo estas propostas. O BNG de Culleredo estará sempre disposto a debater e negociar políticas e accións co foco no benestar e na defensa dos intereses da veciñanza de Culleredo. A forza do BNG en Culleredo estará sempre a carón das nosas veciñas e veciños, nunca nos xogos de poder e na procura de sillóns.”.