Dirixido a estudantes a partir de segundo de Primaria, ten como obxectivo que os menores poidan transitar acompañados de adultos por vías seguras e públicas previamente establecidas
25 novembro 2015. O Concello de Ordes vén de abrir o prazo para poder inscribirse como voluntario da iniciativa ‘Camiño escolar seguro’. O obxectivo é a implicación dos habitantes de Ordes para que os nenos e nenas a partir de segundo de Primaria poidan acudir ao seu centro escolar a pé dun xeito seguro. Para isto empregaranse rutas e percorridos establecidos e correctamente sinalizados, nas que os menores deberán ir acompañados por adultos.
Ante a necesidade de contar con voluntarios para a posta en marcha deste plan o Concello comprometeuse no seu día a facilitar os medios para que as persoas interesadas puidesen participar. Para isto basta con pasar polo Departamento de Educación ao longo de todo o mes de decembro e rexistrarse.
A dita idea foi formulada a través dunha moción presentada en pleno polo Partido Socialista. A través desta iniciativa quérese fomentar a autonomía dos menores e a mobilidade sostible, contribuíndo así a converter a rúa nun contorno seguro.