A leira da Cortiña, á beira do Xubia, volverá converterse en espazo de referencia para o desenvolvemento local o sábado 26 de agosto, día no que se celebrará a XIV Feira Rural de San Sadurniño. Unha cita que volverá reunir durante toda a xornada expositores de alimentación, planta e produtos da terra, maquinaria, artesanía e artigos de segunda man, ademais de ofrecer un programa cargado de actividades paralelas -entre elas o concurso de froita- que se darán a coñecer ao longo das próximas semanas. Como vén sendo habitual, un mes antes da feira o Concello abre o prazo de solicitude de espazos a través da Sede electrónica, presencialmente na casa consistorial ou enviando o formulario por correo postal. O trámite pode facerse até o 21 de agosto e tres días despois publicarase o listado de postos admitidos, que deberán satisfacer a taxa de participación dependendo do número de metros reservados.
A superficie máxima que se pode pedir son 15 metros liñais, agás no caso de viveiros e maquinaria agrícola, que poderán ocupar ata 20 metros de frontal no espazo que se lles asigne. As cotas están fixadas na ordenanza reguladora en tramos: 5€ ata 5 metros de frontal por 5 metros de fondo, 15€ de 6 a 15 metros por 6 metros de fondo e 25€ se o posto ten entre 16 e 20 metros liñais e 10 metros de fondo. As entidades sen fins de lucro poderán instalarse gratis, previa solicitude.
Este ano o Concello dá como opción solicitar tamén un punto de toma de corrente, que incrementa as anteriores cotas en 3 euros máis, independentemente da superficie. A diferencia das dúas edicións anteriores, Desenvolvemento local xa non ofrece a montaxe de carpas, senón que cada expositor, se o considera necesario, deberá traer a súa e armala sen exceder en ningún caso os metros asignados.
As peticións, coma sempre, teñen que cursarse cubrindo o formulario normalizado que proporciona o Concello, onde tamén figuran unhas pequenas bases de participación na feira, como por exemplo o horario de entrada no recinto, a obriga de ter o posto montado ata polo menos as 20:00h ou o requisito de garantir tanto a hixiene como a recollida dos refugallos que xere cada actividade.
As solicitudes poden achegarse por calquera das seguintes vías: presencialmente no Rexistro do Concello -en horario de mañá de luns a venres-, adxuntando o formulario a unha solicitude xenérica na Sede electrónica municipal, ou ben mandándoo por correo postal ao enderezo “Concello de San Sadurniño. Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña”. O último día de prazo é o 21 de agosto.
O listado de postos admitidos publicarase o 24 de agosto na web municipal. A partir dese momento os expositores e expositoras deberán efectuar o pagamento da cota que lles corresponda. Os importes que toquen en cada caso -segundo a superficie e se se pide ou non punto de electricidade- poden satisfacerse presencialmente no Concello mediante TPV ou efectuando unha tranferencia bancaria á conta ES74/2080/0208/0131/1000/0059, indicando no concepto “Inscrición Feira Rural” e o nome da persoa responsable do posto. Para acceder ao recinto na mañá do sábado 26 de agosto será necesario presentar o resgardo do pagamento.