Sairá ás 21.30 horas da praza de María Pita e ten un percorrido de 18 quilómetros
As persoas que desexen participar deberán ir con roupa e accesorios de diferentes cores ou estampados
A Coruña acollerá este venres 28 de xullo unha nova edición da Friday Mobility Night, organizada por Galicia Rollers en colaboración co Concello.
A cidade encherase de cores nesta nova cita, onde as persoas interesadas en participar deberán vestir prendas de diferentes cores: roupa flúor, gafas de cor, accesorios rechamantes ou mesmo luces de cores.
Esta nova Friday Mobility Night, que terá lugar un venres de cada mes, volverá contar cun grupo de persoas voluntarias que se encargarán de guiar a marcha conxunta. Ademais, tamén haberá axentes da Policía Local e voluntarios de Protección Civil.
Como é habitual, a ruta sairá e chegará a María Pita. Comezará ás 21.30 horas e ten unha ruta circular de 18 quilómetros que percorrerá a cidade. A dificultade da ruta é media e terá unha duración aproximada de dúas horas, tanscorrendo maioritariamente por carril bici e carril 30. Para participar é preciso asistir en patíns, bicicleta, monopatíns ou calquer outro medio ou vehículo de mobilidade persoal non contaminante. A inscrición é gratuíta e pode facerse na páxina web de Galicia Rollers.
A actividade, promovida polo Goberno de Inés Rey, intégrase no plan Coruña Cidade 30 posto en marcha no primeiro mandato e naceu como forma de promoción da mobilidade sostible. O obxectivo é seguir impulsando o uso dos patíns e outros vehículos alternativos non contaminantes a través da cita, consolidándoa como referente a nivel nacional.