Saturday 16 de November de 2024

A Xunta constata o aumento dos usuarios que elixen o autobús para ir á praia a Oleiros, case 3 veces máis tras o reforzo dos servizos ao areal de Santa Cristina


― Na 1ª quincena de xullo case 2.100 usuarios empregaron o transporte público autonómico para ir e volver da praia de Santa Cristina, 1.300 persoas máis que o pasado ano

― A Xunta reforzou desde o 15 de xuño os servizos que atenden o areal de Oleiros, con 315 frecuencias máis á semana e ata 3 nunha hora nos momentos de maior demanda

― O reforzo activouse este verán unha quincena antes que os anos anteriores, rexistrándose xa 1.100 usuarios en xuño

― A Xunta promove o uso do transporte público para os desprazamentos á praia, evitando saturación de tráfico nos desprazamentos aos areais durante o verán

― O incremento de usuarios das liñas ás praias impulsa a recuperación da demanda perdida pola pandemia na concesión de autobús do leste da comarca da Coruña, que xa se atopa no 97%

Os usuarios que elixen o autobús este verán para ir á praia a Oleiros é de case tres veces máis, logo do reforzo dos servizos levados a cabo pola Xunta ao areal de Santa Cristina.

Na primeira quincena do mes de xullo case 2.100 usuarios colleron o autobús autonómico ou baixaron na parada da praia de Santa Cristina, 1.300 persoas máis que no mesmo período do ano anterior, cando se acadaron os 800 usuarios.

Así, o número de viaxeiros que empregaron esta parada, que a Xunta activa durante os meses estivais, experimentou un crecemento ata un 260%.

Para facilitar os desprazamentos á praia este verán entre A Coruña e Oleiros, a Xunta reforzou desde o 15 de xuño os servizos de transporte público autonómico con parada en Santa Cristina, engadindo esa parada nas liñas do corredor A Coruña-Mera.

Este ano a Xunta adiantou unha quincena antes a activación das liñas de autobús dirixidas a atender os desprazamentos á praia no ámbito da área da Coruña, que en anos anteriores comezaba o 1 de xullo.

Con este adianto dos reforzos estivais cara ás praias de Oleiros, xa no mes de xuño o transporte público levou ao areal de Santa Cristina a 1.100 usuarios. En total, ata o 15 de xullo, subiron ou baixaron na praia de Santa Cristina 3.200 persoas, unhas 2.400 máis en comparación co ano pasado.

315 servizos máis á semana
Tras a mellora da conexión co areal que a Xunta puxo en marcha este verán, a cidadanía da Coruña e de Oleiros dispón de 315 expedicións máis de autobús á semana para ir á praia de Santa Cristina.

En total, as liñas que conectan Entrexardíns e Oleiros ofrecen cada semana 345 expedicións, 59 cada día de luns a venres, 26 os sábados e 24 os domingos.

Esta oferta de servizos permite que funcionen ata 3 frecuencias nunha hora nos momentos do día nos que se concentra a maior demanda de usuarios.

Ademais, para atender a grande afluencia de viaxeiros ás praias, o operador da concesión do leste da comarca da Coruña ten activo un dispositivo de seguimento específico e está a habilitar autobuses de reforzo nos horarios de maior demanda. De media, neste período, entre 5 e 6 expedicións están a contar con reforzos.

A mellora dos servizos posta en marcha este verán incide na aposta da Xunta por facilitar os desprazamentos cara ás praias de Oleiros en autobús, como principal alternativa ao vehículo particular, para reducir o tráfico e as emisións contaminantes.

Nesta zona, a Xunta aprobou xa en 2021 dúas liñas especiais para atender as viaxes á praia: a liña Entrexardíns-praias-Oleiros, que conecta A Coruña e Oleiros coas parias de Santa Cristina e Bastiagueiro; e a liña A Barcala-A Barcala (circular polo Burgo), que conecta Culleredo e Cambre coa praia de Santa Cristina. Nestas liñas, que funcionan en xullo e agosto, a oferta de servizos permite 3 frecuencias de ida e 3 de volta á praia en horario de tarde.

Recuperación da demanda
Ademais da boa acollida social dos servizos especiais ás praias desde a súa posta en marcha, o incremento de viaxeiros nestas liñas durante este verán reflicte tamén a recuperación da demanda de usuarios que se vén producindo no conxunto da concesión de autobús do leste da comarca da Coruña.

Do 15 de xuño ao 15 de xullo a concesión rexistrou uns 85.00 viaxeiros máis que no mesmo período do ano pasado, o que supón un incremento do 23,6%. En concreto, o aumento de usuarios nas liñas que prestan servizo ás praias do corredor A Coruña-Mera-Sada foi dun 43,4%, con 31.000 viaxeiros máis.

Os datos amosan que neste ámbito territorial se está a piques de recuperar a demanda de transporte público perdida como consecuencia da pandemia da covid-19. En 2022, do 15 de xuño ao 15 de xullo, a demanda de viaxeiros atopábase aínda no 80%, en cómputo anual, polos efectos da pandemia. No mesmo período deste ano, a cifra de usuarios sitúase no 97%.

Pago coas tarxetas TMG e TMG Xente Nova
Os descontos e bonificacións que a Xunta aplica nestes servizos, que forman parte da área de transporte metropolitano da Coruña, favorecen que o pago coas tarxetas TMG e TMG Xente Nova sexa amplamente maioritario.

Así, entre os usuarios que viaxaron á praia de Santa Cristina desde o 15 de xuño, o 83% pagou cunha das Tarxetas de Mobilidade de Galicia.

En total, case 130.000 usuarios da Coruña, Cambre, Culleredo e Oleiros contan cunha tarxeta TMG e máis de 16.000 mozos e mozas menores de 21 anos deses municipios viaxan gratis no transporte público de Galicia grazas á tarxeta Xente Nova da Xunta.