A Xunta de Goberno local acordou esta mañá adxudicar o contrato das “Obras de execución do proxecto Centro Integral para a Inclusión Social (CIPIS)” á empresa OBRAS GALLAECIA SL, por un importe total e 800.052,00 euros, e o contrato de obras de “Mellora dos accesos á Almáciga: ámbito Pastoriza” á empresa EULOGIO VIÑAL OBRAS Y CONSTRUCCIONES SA, por preto de 298.836,35 €. Tamen se deu luz verde á aprobación da segunda fase do proxecto de “Ampliación da plataforma do viario entre Cañoteira e Outeiro de Marrozos” por máis de 300.000 euros e ás licitacións das obras de acondicionamento de espazos para miradoiros no Monte Pedroso, por 180.533,03 € e das obras de reurbanización da rúa García Lorca, por 82.297,04 €.
O executivo municipal deu luz verde á adxudicación das obras para a construción do Centro Integral para a Inclusión Social (CIPIS) no parque de Belvís á empresa OBRAS GALLAECIA SL. Esta actuación, que contará cun orzamento de 800.052 euros (base impoñible: 661.200 euros, IVE do 21%: 138.852 €), está incluída na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado e cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España, 2014-2020.
O centro contará cunha superficie total construída de 1.152 metros cadrados, e estará ubicado no parque de Belvís, nun dos edificios de titularidade municipal que actualmente está en desuso e que acolleu o Centro de Interpretación Ambiental de Compostela (CIAC).
Esta actuación pretende recuperar a imaxe orixinal das edificacións e alterar o mínimo posible a aparencia do conxunto para mellorar a integración na contorna. En canto aos edificios en ruínas, reconstruiranse recuperando a forma e altura orixinais. Estes volumes manterán a súa composición exterior, polo que quedará a pedra vista. Recupéranse os ocos en fachada e ábrense novos ocos na cuberta para garantir a iluminación das estancias superiores.
No exterior, a actuación céntrase en conectar todos os accesos para asegurar a mobilidade entre todas as edificacións. Para iso, realizaranse obras encamiñadas a eliminar barreiras arquitectónicas, modificando o terreo para adaptalo ás cotas dos accesos. Serán maioritariamente zonas verdes con senllas de conexión de laxas de pedra. Desta forma, a imaxe arquitectónica final será unha reprodución dos edificios primitivos. Consérvase a imaxe exterior dos volumes previamente rehabilitados, que están revestidos e pintados de cor branca, e manteranse os ocos actuais polo que a distribución interior adaptarase a eles.
Accesos da rúa Pastoriza na Almáciga
O executivo municipal tamén aprobou a adxudicación do contrato de obras de “Mellora dos accesos á Almáciga: Ámbito Pastoriza” á empresa EULOGIO VIÑAL OBRAS Y CONSTRUCCIONES SA, por un importe de 298.836,35 € (base impoñible de 246.608,55 €, máis IVE do 21% de 51.787,80 €).
Con esta actuación, o Concello pretende recupera para uso peonil unha rúa concebida para a circulación rodada. Complétase así a reurbanización da zona, onde xa se executaron os tramos de Santa Clara-Basquiños e Basquiños-Pastoriza, nos que se reduciu o ancho da calzada gañando espazo para o peón.
A superficie de actuación é duns 1.250 metros cadrados. As obras afectan á calzada e beirrarúas da rúa da Pastoriza, no tramo comprendido entre o cruzamento coa Travesía das Pastoriza e o inicio da pavimentación con lousas de granito, 65 metros antes de chegar á praza da Paz. O obxectivo é recuperar como espazo público este antigo camiño de entrada á cidade, convertido na segunda metade do século XX en travesía urbana, rescatándoo para o peón e mellorando a accesibilidade e a fluidez peonil.
Ampliación da plataforma do viario entre Cañoteira e Outeiro de Marrozos
Esta mañá tamén se acordou aprobar o proxecto de construción para a “Ampliación da plataforma do viario entre Cañoteira e Outeiro de Marrozos (2ª fase)”, incluída no plan POS+ 2021 da Deputación da Coruña, que contará cun orzamento de 356.700,00 euros (294.793,39 euros + 61.906,61 euros de IVE) e un prazo de execución de 3 meses.
A obra descrita no proxecto construtivo ten por obxecto a ampliación do citado viario municipal, situado na Ruta da Prata, no Camiño de Santiago; para adaptalo ás novas necesidades do tráfico da zona xa que, na actualidade, o ancho de calzada resulta insuficiente.
Miradoiros do Monte Pedroso
A Xunta de Goberno tamén aprobou esta mañá o expediente de contratación das Obras de acondicionamento de espazos para miradoiros no Monte Pedroso en Santiago de Compostela cun orzamento base de licitación de 180.533,03 € (base impoñible de 149.200,85 € máis IVE do 21% de 31.332,18 €). Esta actuación forma parte da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado do Concello de Santiago (EDUSI Santiago) cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020 nun 80%, sendo o 20% restante con cargo a dotación económica municipal.
Tamén foi aprobado o expediente de contratación da Dirección Facultativa (DO+DEO+DEI+CSS) das obras de “Reurbanización da rúa García Lorca”
cun orzamento base de licitación de 82.297,04 €, desagregado nas seguintes anualidades: 2023 – 10.287,13 €, 2024 – 41.148,52 €, 2025 30.861,39 €. Coa reurbanización da rúa García Lorca preténdese mellorar as condicións de accesibilidade e procederase á substitución, renovación e/ou mellora das instalacións urbanas, como son as redes de abastecemento de auga, saneamento, distribución de enerxía eléctrica, rede de telecomunicacións e rede de abastecemento de gas.
Outros asuntos
A Xunta de Goberno tamén acordou aprobar, dispoñer e recoñecer as obrigas derivadas da certificación final de execución da obra “Rexeneración e reforzo estrutural do pavimento da calzada da Rúa de Santa Teresa Jornet (2ª fase)”, emitida por CONSTRUCCIONES PONCIANO NIETO, S.L., por un importe de 9.670,22 euros.
Convenios
O executivo municipal tamén aprobou esta mañá os convenios de colaboración con tres asociacións comerciais para o financiamento de bonos-aparcadoiro por un importe total de 99.000 euros. As beneficiarias son a Asociación Punto Compostela Centro Comercial Aberto (32.000 euros), coa Fundación Santiago Centro Área Comercial (32.000 euros) e coa Asociación de empresarios e profesionais centro comercial aberto Compostela Monumental (35.000 euros), poderán empregar estas axudas durante este ano para reactivar as compras mediante a entrega de bonos de aparcadoro.
Tamén se deu luz verde esta mañá aos convenios de colaboración entre o Concello de Santiago e sete entidades sociais por un importe total de 235.000 euros. En concreto, as entidades beneficiarias son: o Centro Cultural Social Juan XXIII, por unha contía de 60.000 euros, a Fundación Monte do Gozo, por 45.000 €; a Fundación Secretariado Gitano, pola contía de 23.000 euros; a Fundación Down Compostela, por 10.000,00 €; o Ilustre Colexio da Avogacía de Santiago de Compostela, por 2.000 €. Tamén se acordou a sinatura do convenio coa Cruz Roja Española para os programas de teleasistencia e Sen Fogar ao que se asignará un partida de 85.000,00 €, e coa Universidade de Santiago para o desenvolvemento do Programa de Saúde Bucodental a colectivos desfavorecidos, por un importe de 10.000,00 €.
Ademais, aprobouse outro convenio coa USC por 11.000 euros no ámbito da igualdade e outro co Ateneo de Santiago para o desenvolvemento de actividades no ámbito cultural, por un importe de 20.000 euros.