Friday 22 de November de 2024

O Concello licita a obra de construción do multiusos de Bastiagueiro


O Concello ten en marcha o concurso público para a contratación da obra de construción do edificio multiusos para actividades deportivas e culturais en Bastiagueiro, nos terreos de propiedade municipal que hai na zona do estadio do INEF e da pista de skate. A obra ten un custo de 11,7 millóns de euros, adxudicarase no mes de agosto, comezará antes de finalizar o ano e conta cun prazo de execución de 18 meses.

Con este novo recinto o Concello contará cunha versátil instalación pública para a realización de todo tipo de eventos culturais, deportivos, congresos, feiras, festivais, exposicións… Cun aforo máximo de 4.000 persoas, pero con gradas e butacas móbiles para axustarse ás necesidades de cada espectáculo, será unha grande instalación sustentable e harmoniosa para dotar a Oleiros do grande espazo cultural e deportivo que necesita para complementar a ampla oferta actual e potenciar as posibilidades terciarias derivadas da economía turística de espectáculos e congresos.

“Levamos moitos anos intentando crear un gran edificio multiusos en Bastiagueiro, que non chegara a poder facerse realidade no seu día por un boicot do PSOE de Oleiros. Pero agora si, por fin vai contratarse. Unha instalación necesaria coa que imos poder seguir fomentando a cultura e o deporte en Oleiros”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.