Desde 2016 máis de 300 escolares da cidade perfeccionaron un segundo idioma grazas a este proxecto
A concelleira da área de Benestar Social, Yoya Neira, e o concelleiro de Educación, Emprego e Relacións Institucionais, Juan Ignacio Borrego, despediron hoxe no centro xuvenil O Remanso aos 20 alumnos e alumnas de primeiro curso de Bacharelato que inician a súa estadía dun mes en Irlanda grazas ao programa ‘Idiomas do Mundo’ do Concello da Coruña.
Os mozos e mozas residirán ata o 21 de agosto na localidade de Malahide, a 16 quilómetros de Dublín, en casas de familias seleccionadas polo programa. Polas mañás acudirán a unha escola de idiomas e polas tardes e fins de semana desenvolverán distintas actividades. Estarán acompañados por dúas monitoras, que servirán de enlace dos participantes coas familias e a escola de idiomas, así como para organizar as actividades.
O investimento total no programa Idiomas polo Mundo ascende a 132.843 euros. Dende o ano 2016 un total de 308 estudantes da Coruña puideron perfeccionar os idiomas inglés, francés e portugués en estancias dun mes en Irlanda, Francia e Portugal.