O Centro ofrece un lugar aos peregrinos onde poder expresar as súas emocións e experiencias e onde poder informarse sobre Galicia e o seus recursos
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego, visitaron o Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos de Santiago de Compostela.
Este novo lugar de referencia do Camiño de Santiago xurde ante a necesidade de ofertar un espazo de benvida aos peregrinos e mellorar e incrementar así a capacidade de acollida de Santiago de Compostela.
Para elo, levouse a cabo unha rehabilitación do edificio “Asilo de Carretas”, situado na esquina da rúa Carretas coa rúa de Domingo García-Sabell, para acoller este centro de peregrinos.
Deste xeito, este centro de referencia para os peregrinos na meta do Camiño únese á rede asistencial coa que conta Galicia ao longo dos distintos camiños e á rede de albergues.
O centro ofrece un lugar aos peregrinos onde poder expresar as súas emocións e experiencias e onde poder informarse sobre Galicia e o seus recursos.
Cunha superficie superior aos 1.400 m2, conta con diversos servizos como unha Oficina do Peregrino, onde poderán recoller a súa Compostela, un Salón de Actos, unha Capela, un centro interconfesional, unha área de información turística, unha biblioteca e centro de documentación xacobeo, unha zona de atención en idiomas, unha área para asociacións amigos do Camiño, etc.
Preto de 260.000 peregrinos
O Camiño de Santiago ten cada vez mais adeptos seguindo unha forte progresión ascendente no seu número de peregrinos. No que vai de ano recolleron xa a súa Compostela na Oficina do Peregrino de Compostela un total de 259.919 peregrinos, o que supón un incremento do 10,31% en relación ao mesmo período do pasado ano.
Ademais a tendencia actual mostra un importante incremento de peregrinos estranxeiros ata tal punto que xa son mais numerosos que os nacionais. Do total dos peregrinos que chegaron a meta do Camiño neste ano 2015 o 53,43% foron estranxeiros.