Friday 22 de November de 2024

Ana Santiago reivindica a importancia da identidade, da tolerancia, da liberdade ou do feminismo no seu discurso polo Día da Patria Galega en Fene


Máis dun cento de persoas (membros da Corporación Municipal, representantes do movemento asociativo e veciños/as de Fene) reuníronse este mediodía no parque liñal do Río Cádavo para asistir á lectura da Declaración Institucional do Día da Patria Galega. O texto foi elaborado nesta ocasión pola presidenta da AVV de Limodre, exconcelleira e exdeputada Ana Santiago.

En palabras do alcalde de Fene, “se o 25 de xullo, o Día da Patria Galega, é a festa maior de todas as galegas, as eleccións son a festa maior da democracia”. Por iso, afirmou Juventino Trigo, a mellor homenaxe que se lle pode rende ás persoas que durante a “longa noite de pedra” sufriron nas súas carnes o exilio, a represión do réxime franquista e mesmo deron a vida por conseguir a democracia, “é participar nas eleccións, exercer o noso dereito ao voto, e elixir a quen queremos que nos goberne en base aos nosos principios e conviccións”.

No decurso da súa intervención -na que Juventino Trigo aludiu á conmemoración do 75º aniversario de Alba de Groria, o discurso de Castelao concibido para conmemorar o Día da Galicia de 1948-, o primeiro rexedor fenés expresou o seu desexo de que “este 23 de xuño as veciñas e os veciños de Fene acudades masivamente aos colexios electorais para facer efectivo que `o pobo é quen máis ordena´. E convidou á veciñanza a pendurar este 25 de xullo a bandeira galega en fenestras e balcóns e a participar nos actos que ese mesmo día van ter lugar en Compostela.

Pola súa banda, o concelleiro de Cultura, Justo Ardá, encargado de abrir o acto, salientou que “ao longo destes anos, tivemos a oportunidade de escoitar neste mesmo lugar, as voces de escritores como Méndez Ferrín, Agustín Fernández Paz, Rosa Aneiros, Matilde Castro ou Mariola Hermida; de artistas como Laura Bouza ou Carme Romero; músicos como Miguel Doval ou persoas que ostentaron cargos de representatividade política como César Martínez Yáñez, Paloma Rodríguez ou Xosé María Rivera Arnoso”.

Sobre a convidada deste ano para elaborar a declaración institucional, Justo Ardá afirmou que “Ana Santiago López representa a todas esas persoas que, co altruísmo por bandeira, traballa arreo dende o movemento asociativo e cultural por contribuír a vertebrar a sociedade fenesa, canalizar as súas demandas e reivindicacións e promover e dinamizar as diferentes manifestacións da nosa cultura”.

A continuación, reprodúcese a Declaración Institucional do Día da Patria Galega 2023, elaborada e lida por Ana Santiago este mediodía a carón do Monumento Día da Patria Galega:

“Ineludiblemente todo discurso está inzado de palabras, as máis das veces baleiras e, xa que logo, inútiles. Eu agardo que iso non me pase, porque pretendo hoxe inzar o meu discurso de palabras imprescindibles, palabras que nestes tempos parecen ter perdido o seu significado, ou téñense banalizado pero que son, a pesar diso, consubstanciais a unha sociedade desenvolvida.

Hai máis de 100 anos a Asemblea das Irmandades da Fala acordou establecer unha data como acto de afirmación da nosa identidade colectiva. O 25 de xullo acabaría converténdose na celebración institucional de Galiza, pero a súa orixe é inequívoca e ten que ver coa nosa identidade como pobo.

Eis que a primeira palabra que quero achegarvos sexa, “IDENTIDADE”, con ela abro este discurso. Somos un pobo con identidade de seu e isto, lonxe de ser un elemento excluínte, permite achegármonos respectuosamente a outras identidades, a todas e de toda caste. A nosa identidade está na nosa lingua, nas nosas tradicións, nos nosos costumes, en definitiva na nosa cultura. Un patrimonio ao que non podemos, nin debemos, nin queremos renunciar malia aos ataques que recibimos a cotío, mesmo de quen debera defendelo.

E se a identidade como pobo é importante non o é menos a nosa identidade individual, como persoas únicas e completas. A nosa sociedade é cada día máis consciente de que non somos seres estandarizados, cada quen é como é e, ademais, é como lle peta, e así debe ser. Sen imposicións, leccións de falsa moral ou apelando ao “sempre foi así”.

A identidade dos pobos, das sociedades, constrúese de xeito colectivo, nun esforzo conxunto que ten que basearse no “RESPECTO”. Ser conscientes da necesidade de respectar o propio, respecto ao que somos, á nosa cultura e tradicións, ao que fai de nós o que somos.

Respecto para celebrar o noso e reclamar e esixir respecto a quen temos enfronte.

Respecto ao que cada quen queira ser.

Respecto ás diferencias, buscadas ou non.

Respecto ás opinións diferentes, pero só ás respectables, todas as persoas merecen respecto, pero non todas as opinións.

E aquí quero presentarvos á “TOLERANCIA”, outra das palabras que vos traio e que quedaría coxa se non ven arroupada polo respecto. Para algúns, “Temos que ser tolerantes…”, é a actitude que temos que manter cxs intolerantes.

Queren vendernos que a tolerancia é unha actitude pasiva, na que temos que permitir que toda opinión é válida. E non tal!.

Non se pode ser tolerante co fascismo, non se pode ser tolerante co machismo, non se pode ser tolerante coa LGTBI fobia, non se pode ser tolerante co racismo e a xenofobia…, en resumen, non se pode ser tolerante con quen exerce a intolerancia como forma de comportamento habitual.

O filósofo Karl Popper describiu aló polo 1945 o “Paradoxo da Tolerancia”. Este paradoxo establece que, se unha sociedade ten tolerancia ilimitada, a súa capacidade de ser tolerante acabará por ser reducida, ou mesmo destruída, pola propia intolerancia. Unha realidade obxectiva que non está no horizonte, está xa aquí, na nosa sociedade.

Quen poñemos en valor, e defendemos, a “MEMORIA” sabemos que este é un perigo real, por iso hai quen quere convertela nalgo anecdótico, en “pelexas de avós”.

Sen memoria, é imposible vertebrar a nosa identidade colectiva. Temos a obriga moral de devolver, e manter viva e permanente, a memoria de quen loitou para que hoxe poidamos desfrutar de dereitos que xa son nosos, están acadados, non son negociables e non podemos deixar que nolos rouben.

Por iso temos que seguir a celebrar datas como esta e erixir monumentos como este, para manter viva a nosa memoria. Porque é imprescindible, porque temos dereito a coñecer a historia verdadeira, non a que nos contaron para que o relato dos gañadores cadrara e, sobre todo, porque esquecer o pasado pode facer que volvamos a vivilo, xa sabedes que quen ignora a súa historia está condenada a repetila. No “Alba de Groria”, o inmortal Castelao déixanos un mandado, “…afortunadamente Galiza conta, para a súa eternidade, con algo máis que unha Historia mutilada, conta cunha tradición de valor imponderable, que iso é o que importa para gañar o futuro”.

Ignorar a memoria, quitarlle importancia, sérvelle a algúns para desculpar, relativizar e branquexar o golpe de estado e a posterior ditadura de Franco, o fascismo, o machismo e todo tipo de “…fobias”.

Quero devolvervos a palabra “LIBERDADE”, e non a liberdade de tomar cañas, a liberdade de crear, de facer cultura, de amar, liberdade de ser quen queremos ser. Liberdade de expresión, de pensamento, de coñecemento. liberdade de equivocarse, de saírse do camiño regrado e de voltar ao camiño cando nos pete. Liberdade de exercer os nosos dereitos e liberdade para esixilos.

Pero para iso hai que defendela, pelexala, esixila para nós e, sobre todo, para os demais; a ampliación de dereitos non mingua os xa conseguidos, aumenta os dereitos de todos e iso, fai máis forte a liberdade e a democracia.

E falar de liberdade convídame a traer a este discurso ao “FEMINISMO” porque non hai movemento máis liberador, respectuoso, igualitario, aglutinador e transformador que o feminismo. E non, o feminismo non é o antónimo do machismo, por moito que os paifocos, babecos, langráns, fodechinchos e representantes do “tontismo” máis recalcitrante, non se cansen de repetilo, porque por moito que se repita unha mentira non se transforma en verdade. O feminismo é igualitario e nel cabemos todes.

E non se me ocorre mellor xeito de pechar esta declaración, que utilizar o mesmo final que o do discurso “Alba de Groria”, que Castelao pronunciou na celebración do Día da Patria de 1948 no Centro Galego de Bos Aires:

“E nada máis, amigos e irmáns.

Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume nunca deixe de quentar os vosos fogares.”

Ao son do himno galego concluíu un ano máis o acto de lectura da Declaración Institucional do Día da Patria Galega no Concello de Fene.