–Interviron no acto os candidatos socialistas José Miñones, Obdulia Taboadela e Xosé Sánchez Bugallo, ademais do secretario provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, e o alcalde de Ames, Blas García
O PSdeG-PSOE da provincia da Coruña celebrou un mitin de peche de campaña no Anfiteatro do Milladoiro, en Ames. Nel interviron os candidatos socialistas José Miñones, Obdulia Taboadela e Xosé Sánchez Bugallo, ademais do secretario provincial Bernardo Fernández Piñeiro e o alcalde da vila Blas García.
Miñones, ministro de Sanidade e exalcalde de Ames, convidou aos presentes, a poucas horas da fin da campaña e o comezo do día de reflexión, a “reflexionar sobre todo o queremos de cara aos vindeiros catro anos, reflexionar sobre todos os investimentos que se realizaron e os que se quere que sigan adiante”.
“O PP e Vox queren derogar todos os avances sociais e todos os investimentos que levamos feitos nestes últimos 5 anos”, advertiu o cabeza de lista pola provincia, polo que chamou “a todos os votantes a ir a votar, co corazón pero tamén coa cabeza, para non retroceder”.
Pola súa banda, a número 2 da lista ao Congreso, Obdulia Taboadela, reivindicou que “o voto útil é ao PSdeG-PSOE, para que se repita o Goberno de Pedro Sánchez, para seguir avanzando”. Pediu aos asistentes “levar con orgullo socialista as políticas que nos permitiron medrar, reducir a desigualdade e outorgar máis e mellores dereitos á cidadanía”.
O secretario xeral do PSdeG provincial da Coruña, Bernardo Fernández, destacou pola súa banda que “o Goberno fixo un esforzo titánico para poñer todos os recursos que tiña o Estado á súa disposición en favor das persoas”. Isto permitiu “que puideramos saír adiante nunha situación nunca vivida, coa pandemia e posteriormente coa guerra de Ucraína”, sinalou.
“Tivemos un goberno que estivo ao carón de todos e de todas, sen contar desgrazadamente co apoio dos que se presentan sempre como os únicos defensores de España pero que só o son de boquilla”, afirmou o socialista.
Bernardo Fernández incidiu en que “estas son as eleccións máis trascendentais das últimas décadas deste país”, e que “o único voto que vai impedir que a dereita e a extrema dereita se fagan co Goberno deste país é o do Partido Socialista, polo que pedimos o voto de todos os e as demócratas de España”.