Monday 25 de November de 2024

Inés Rey comprométese a reforzar o apoio municipal ao Centro Oceanográfico da Coruña e a contribuír á divulgación das súas investigacións científicas


A rexedora visitou esta mañá as instalacións do COAC, no paseo marítimo, e loou o traballo científico que alí se executa, especialmente para o estudo do medio mariño e os seus recursos

A alcaldesa, Inés Rey, visitou esta mañá á directiva e ao persoal do Centro Oceanográfico da Coruña, un dos nove centros de investigación asociados ao Instituto Español de Oceanografía (IEO) e dependentes do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

O Centro Oceanográfico da Coruña, que conta con 55 anos de historia, está dirixido actualmente pola investigadora Luz García. Desde as súas instalacións no paseo marítimo lévanse a cabo, por exemplo, investigacións sobre ocenanografía, ecoloxía mariña e biodiversidade e avaliación de recursos pesqueiros. Esta mañá, Inés Rey puxo en valor o traballo que alí se desempeña en materia de estudo e concienciación sobre o medio mariño.

Neste sentido, no contexto da reunión desta mañá, orientada á posta en coñecemento conxunta dos proxectos futuros que vencellan ao Centro Oceanográfico da Coruña e o Concello, a rexedora recalcou o compromiso do Goberno municipal “para apoiar as investigacións do COAC, así como á súa visibilización entre a cidadanía”.

As orixes do Centro Oceanográfico da Coruña, en Linares Rivas

O Centro Oceanográfico da Coruña iniciou a súa actividade o 16 de abril de 1968, ubicándose de forma provisional nun pequeno local situado no peirao de Linares Rivas. Xa posteriormente, no ano 1975, trasladouse á que actualmente é a súa localización, na contorna do paseo marítimo.

Neste máis de medio século de percorrido, o COAC tivo implicación directa en proxectos orientados á avaliación de caladoiros de pesca, investigación de novas especies para a acuicultura, a mellora nos métodos de cultivo de moluscos, análise das mareas vermellas, o establecemento de reservas mariñas e o seguimento das consecuencias das catástrofes marítimas derivadas do afundimento dos buques ‘Mar Exeo’ e ‘Prestige’, entre outros.