Ofrecerase unha gran variedade de produtos sustentables e haberá actividades para todas as idades entre as 10.00 e as 15.00 horas
O Concello da Coruña organiza unha nova edición do mercado ecolóxico na súa modalidade de Mercado de Compra Sustentable, que percorrerá unha vez ao mes os diferentes barrios da cidade. Nesta ocasión, o evento situarase no Parque Europa
O mercado estará aberto o domingo de 10.00 a 15.00 horas. Ademais da variada oferta de produtos sostibles, a granel, residuo cero e de proximidade, tamén haberá unha programación de actividades que estará orientada a todas as idades. De 10.00 a 15.00 horas haberá un espazo de dinamización infantil e de intercambio de roupa. De 11.30 a 12.30 horas celebrarase un obradoiro infantil. Por último, ás 13.00 horas actuará Black (and friends).
Os novos mercados ecolóxicos promovidos polo Goberno de Inés Rey botaron a andar no mes de maio coa principal novidade de que se amplía a súa celebración a todos os domingos do mes. Deste xeito, o primeiro e terceiro domingo se situará no Campo da Leña, como é habitual; o segundo estará na praza da Tolerancia, en Labañou; e o cuarto rotará por diferentes barrios, sendo Novo Mesoiro o primeiro, a praza de San Cristovo, na contorna dos Mallos, a segunda parada, e o Parque Europa, a terceira. O obxectivo do Goberno municipal con esta medida é poder ofrecer e expandir os produtos ecolóxicos e de orixe local ao maior número de persoas así como levar novas actividades aos barrios.
Ademais, hai dúas modalidade de mercado: o Mercado Ecolóxico, que será o que se celebra no Campo da Leña, e o Mercado de Compra Sustentable, correspondente ao da praza da Tolerancia e ao rotatorio. Os mercados do Campo da Leña estarán especializados en produtos ecolóxicos, que acreditan criterios éticos e/ou sustentables na súa produción, elaboración ou materias primas. Os mercados na Praza da Tolerancia, e outras ubicacións, fomentarán a economía circular e a compra responsable, aplicando a regra das 4R (reducir, reutilizar, reciclar e recuperar). O obxectivo é poder ofrecer o maior número de produtos de economía sostible e actividades paralelas como obradoiros, concertos e actividades para os máis pequenos.
Todos os mercados celebraranse no mesmo horario, de 10.00 a 15.00 horas. Toda a información relativa a cada unha das sesións que se celebre poderase atopar nas redes sociais do mercado (@mercaecocoruna) e nas propias do Concello da Coruña.