A festa medieval contará con actividades para todas as idades, produtos artesáns, gastronomía e espectáculos na rúa
A XXVII edición da Feira das Marabillas botou a andar esta mañá coa apertura dos postos e o inicio das actividades. O evento ten orixe na Feira Franca do século XVI e retomouse no 1993 como feira de ambientación medieval. A Cidade Vella recreará A Coruña da Idade Media, con cinco días de actividades gratuítas para todos os públicos.
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu os actos de apertura da Feira das Marabillas, acompañada polo concelleiro da área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, a concelleira de Turismo, Comercio e Hostalaría, Diana Cabanas, e o presidente de ACECA (Asociación de Comerciantes da Cidade Vella), Adolfo López. “Esta feira permitirá a coruñeses e visitantes coñecer a orixe da Coruña, a Cidade Vella, podendo percorrer as súas rúas e descubrir os puntos de interese cos que conta” sinalou a rexedora.
A Feira das Marabillas leva programándose case tres décadas de forma ininterrompida, coa única excepción dos anos 2020 e 2021 por mor da Covid-19. “É unha ledicia comprobar en que bo estado de forma está esta feira que se remonta a 1502, cun amplo programa de actividades tanto en distintos lugares do barrio como na praza de María Pita” explicou a alcaldesa.
Tras o inicio da Feira na praza da Azcárraga tivo lugar a apertura do Recuncho das Pícaras, o espazo infantil situado na praza de María Pita, co acto ‘Mimir, o libro máxico dos contos’, destinado a nenos e nenas.
Entre hoxe, venres 21, e o martes 25 de xullo levaranse a cabo actividades culturais entre os muros da Cidade Vella. Actuacións musicais, recreacións históricas e espectáculos teatrais e de acrobacias encherán as prazas e rúas do casco histórico no desenvolvemento da Feira das Marabillas.
Ampliación do servizo de autobuses
Entre este venres 21 e o 25 de xullo, ambos inclusive, reforzarase o servizo de Transporte Urbano con motivo da celebración da Feira das Marabillas. A liña 1 prolongará o servizo realizando a última saída do hospital Abente y Lago ás 23:45 horas. A partir das 00:05 horas comezará a funcionar o servizo nocturno, que sairá durante os días de Feira de Porta Real, realizando dous itinerarios en sentido inverso o un do outro. Desta forma:
● Ás 00:05 horas sairá o primeiro bus nocturno realizando o seguinte itinerario: Porta Real – Parrote – Maestranza – Orillamar – Santo Tomás – Avda. de Hércules – Paseo Marítimo – Praza de Pontevedra – Praza de Ourense – Linares Rivas – Primo de Rivera – Catro Camiños – Avda. de Oza – Os Castros – O Castrillón – Monelos – Salvador de Madariaga – Camilo José Cela – Eirís – Av. de Pedralonga – Palavea – Alfonso Molina Matogrande – San Cristóbal – Birloque – Pablo Picasso – Estación de Trens – Rolda de Outeiro – Avda. Gran Canaria – Riazor – Praza de Pontevedra – Porta Real.
● Ás 00:30 horas iniciará servizo o segundo bus nocturno co seguinte itinerario: Porta Real – Parrote – Maestranza – Orillamar – Santo Tomás – Avda. de Hércules – Paseo Marítimo – Riazor – Labañou – Rolda de Outeiro – Estación de Ferrocarril – General Rubín – Pablo Picasso – Birloque – Estrada Pocomaco – Mesoiro, 22 – Illas Sisargas – Novo Mesoiro – Estrada Pocomaco – Birloque – San Cristóbal – Camilo José Cela – Vicente Aleixandre – Antonio Noche – O Castrillón – Os Castros – Avda. de Oza – Catro Camiños – Praza de Ourense – Porta Real.
A frecuencia do servizo nocturno será de 30 minutos, e as últimas saídas serán ás 4:30 horas e ás 05:00 horas, con saída ás horas en sentido Praza de Ourense – Catro Camiños – Os Castros – O Castrillón – Monelos – Eirís – Palavea – Birloque – Estación de Trens – Rolda de Outeiro, e ás horas e media no sentido Riazor – Labañou – Rolda de Outeiro – Estación de Trens – Birloque – Mesoiro – O Castrillón – Os Castros – Catro Camiños.