Friday 22 de November de 2024

O Concello aplicará dende mañá un Plan de Tráfico específico deseñado con motivo das festas da Gándara


O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, anunciou que mañá a partir das 11.00 horas se procederá a aplicar o plan de tráfico deseñado dende o Concello, a través da Policía Local e o SPEIS, con motivo da celebración das festas patronais do barrio da Gándara. O edil naronés avanzou que as medidas permanecerán operativas ata o vindeiro 28 de xullo ao mediodía, cando se restablecerá a normalidade.

Un tramo da estrada do pavillón (entre as interseccións coa estrada da Gándara e a rúa Irmáns Pita) e a rúa Clara Campoamor permanecerán cortadas permanentemente ao tráfico durante eses días. Así mesmo, o plan contempla prohibir a circulación, excepto para residentes para acceso a garaxes, na rúa Felipe Colmenero, e durante a celebración da festa –en horario nocturno- cortarase o acceso á estrada do Pavillón dende a avenida do Mar e a Irmáns Pita dende a rúa Fonsagrada.

O edil naronés recalcou que todos os cambios estarán debidamente sinalizados e asegurou que se garantirá o acceso aos garaxes nas zonas afectadas polo plan de tráfico das festas. Así mesmo, Oreona solicitou de antemán desculpas polas posibles molestias que se poidan ocasionar coas medidas, necesarias para garantir a seguridade na zona.