O Concello de San Sadurniño ten previsto investir arredor de 88.000 euros na renovación do firme entre o cruzamento da Grúa -no límite coa Capela- e o núcleo da Abelleira, en Naraío, ademais de reparar a pista que enlaza este lugar co de Racamonde. Así se recolle no proxecto que acaba de licitarse a través da plataforma de contratación co sector público, dándolles ás empresas interesadas até o día 6 de agosto para que presenten as súas ofertas. A obra cofinanciarase cunha achega de 73.000 euros procedentes do Plan de mellora de camiños rurais 2023-2024 da AGADER.
O proxecto licitado acomoda ao orzamento dispoñible o aglomerado da estrada municipal que conecta o desvío da Grúa coa Abelleira, así como a reparación co mesmo tipo de firme da pista interior pola que se serven as vivendas deste último lugar.
A execución da obra virá darlle continuidade a outras actuacións efectuadas nos últimos anos na banda sur do Concello de San Sadurniño, co obxectivo de incrementar e regularizar o ancho e proporcionarlle maior durabilidade a todos os tramos que conectan o fondo de Naraío co límite da Capela.
Neste sentido, desde 2020 leváronse a cabo os treitos Eirexado-Lourido, Lourido-Quintiá e Quintiá-Cruzamento da Grúa. É dicir, 4,6 quilómetros de percorrido aos que agora se lle van sumar outros 1.100 metros con idéntico tipo de pavimento. Ademais, dentro deste proxecto tamén se contempla o asfaltado integral da pista que vai desde A Abelleira ata Racamonde de Arriba (cerca de 1,5 km), seriamente danada en varios puntos.
Segundo se sinala na plataforma de contratación co sector público, as empresas interesadas en presentar oferta para facer a obra teñen de prazo ata as 23:59h do día 6 de agosto. É obrigatorio que acheguen toda a documentación por vía electrónica. O prazo máximo de execución -que as licitadoras poderán rebaixar nas súas propostas, igual que o prezo- estableceuse en 4 meses.
Fondos da Deputación para outros camiños da zona
Estas melloras viarias, orzamentadas en 88.200 euros, non serán as únicas na zona, que é a máis elevada de San Sadurniño e tamén a máis afastada do centro urbano e xeográfico do municipio. Con cargo a fondos provinciais tamén se van asfaltar outras pistas que enlazan co eixo A Grúa-A Abelleira, como son a do Lugar do Monte (870 m), a pista do Pousadoiro (1.290 m) e un tramo de 300 metros en Racamonde de Abaixo. O investimento previsto nestoutro paquete viario que se licitará en breve é de 74.742,84 euros. Nel inclúese a reparación do camiño de Solposto (730m), en Igrexafeita, e un tramo interior de 90 metros en Lourido, en Naraío.
O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, asegura que desde o Concello “levamos anos traballando para ir reducindo a débeda histórica que ten a administración local en canto a infraestruturas e servizos cos veciños e veciñas do cordal do monte de Naraío e Igrexafeita”.
A este respecto, García remarca como prioritario “aplicar unha discriminación positiva nos investimentos” que é máis visible no caso das comunicacións: “Os concellos empregan habitualmente dous factores para definir os programas de obras viarias, que son a dispoñibilidade de fondos e a necesidade obxectiva, case sempre baseada en criterios de poboación. Nós engadimoslle outros dous factores: o dereito de toda a veciñanza a contar con pistas en bo estado e a visión estratéxica de que unhas boas comunicacións son fundamentais para fixar poboación, ademais de estarmos reforzando o sentido de pertenza a un mesmo territorio”.