Alternativa dos Veciños presenta unha moción ao pleno ordinario de xullo, para solicitarlle á Consellaría de Sanidade e ao SERGAS unha sala de radioloxía para un dos centros de saúde do municipio.
“Unha das necesidades máis prioritarias do noso concello, no que ao estado do benestar se refire, é a asistencia sanitaria, a situación actual no noso pobo é deficitaria e con importantes carencias asistenciais. Tendo en conta e atendendo aos indicadores demográficos, consideramos imprescindible a instalación dunha sala de radio-diagnóstico nun dos nosos centros de saúde” apunta Noelia Martínez, Voceira do Grupo Municipal de Alternativa dos Veciños.
“Vivimos nun concello de máis de 33.000 habitantes e, a día de hoxe,
seguimos sen contar en ningún dos tres centros de saúde que temos no municipio cunha sala de radioloxía. Isto supón un grave prexuízo para a veciñanza de Arteixo e tamén para a veciñanza de toda a comarca, xa que ante unha necesidade debemos desprazarnos ao centro de especialidades do Ventorrillo ou ao Hospital Universitario da Coruña, provocando e agravando o colapso que xa sofren habitualmente os citados centros” expón Noelia.
“Sabemos que a xestión da Sanidade Pública non é competencia das
administracións locais, senón que é competencia das administracións autonómicas, pero tamén é certo que nós como concello, debemos defender e demandar as melloras tan necesarias para a nosa atención
primaria e, neste caso, solicitar tan importante e necesaria carencia como é para a nosa poboación unha sala de radiodiagnóstico. O Grupo Municipal de Alternativa dos Veciños, considera urxente a implantación desta especialidade nun dos nosos centros de saúde” matiza a Voceira de Alternativa.