Friday 22 de November de 2024

Ordes garda un minuto de silencio en apoio ás vítimas da violencia machista e como repulsa a este tipo de delitos


Todos os participantes cargaron con mensaxes de denuncia

Co gallo do ‘Día Internacional da non Violencia contra a Muller’ políticos, funcionarios e empregados do Concello de Ordes, acompañados de veciños e veciñas, gardaron un minuto de silencio en apoio ás vítimas. Co alcalde José Luis Martínez Sanjurjo á cabeza, cada un dos asistentes portou distintas mensaxes de denuncia e reivindicación para concienciar e denunciar esta gran lacra social que, tan só neste ano, lle supuxo a morte a preto de cincuenta mulleres.
Esta iniciativa súmase ao reparto de carteis por establecementos e espazos públicos rexeitando a violencia machista. Ademais tamén se crearon imaxes dixitais para que a cidadanía poida empregalas como imaxe de perfil nesta xornada, as cales poden descargarse tanto no Facebook como no Twitter do mesmo Concello.
Por outra banda tamén se traballa conxuntamente cos restantes municipios da comarca. A Mancomunidade de Ordes escolleu este ano as redes sociais como principal campo de acción. Neste sentido organizouse o concurso “Comparte, fai que a vexan” para concienciar sobre o poder das TIC, mediante un concurso de imaxes e chíos tanto en Facebook como en Twitter. Paralelamente tamén se está a desenvolver nos centros académicos o programa que leva o mesmo nome, e no que participan non só os alumnos e alumnas senón tamén o seu contorno familiar máis próximo.

Cruz Vermella
Mostrando a súa preocupación por este tipo de delitos Cruz Vermella Ordes ten previsto para o vindeiro venres, 27 de novembro, levar a cabo a súa campaña de concienciación ‘Que ninguén controle a túa vida’. Concretamente terá lugar na Alameda a representación e escenificación de micromachismos a partir das 16.30 horas. Unha iniciativa aberta a todo o público e que tamén se desenvolverá ao longo doutras 10 localidades de toda a provincia.