Friday 22 de November de 2024

Novas sesións de Cine de verán e actuacións musicais do programa Verde que te quero verde durante a fin de semana


A programación cultural desta semana inclúe dúas novas sesións do programa Cine de verán. A primeira delas será hoxe mesmo, a partir das 22.30 horas na rúa Francisco Pizarro, na Solaina, onde se poderá ver a película “Trolls 2”. Poppy e Branch son os protagonistas desta historia, na que vivirán varias aventuras con varias tribus de trolls diferentes á súa e vencelladas a estilos musicais.

A segunda das propostas de cine será mañá, coa proxección, tamén ás 22.30 horas, de “Spirit indomable”, neste caso na praza do colexio de Xuvia. Este filme relata a vida de Lucky Prescott, unha persoa que deixa a cidade para ir a vivir a outro lugar no que se fará moi amigo dun cabalo salvaxe.

O Padroado da Cultura organiza este ciclo de cine, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.
Entre as propostas culturais da fin de semana están tamén dúas novas sesións do programa municipal “Verde que te quero verde”. A cita será este domingo a partir das 12.00 horas na rúa Francisco Pizarro, na Solaina. “Ce orquestra pantasma” e “Abril” son as dúas propostas desta xornada, aberta á cidadanía en xeral e pensadas para público familiar. “Ce orquestra pantasma”, traerá a Narón da man do músico autodidacta César Freiria un amplo repertorio, mentres que a formación de música folk “Abril”, integrada por un trío de profesionais da música de Vigo, tamén ofrecerá un variado repertorio na cidade.