O goberno local de Ribeira anunciou hoxe o importe das dedicacións que terá para o mandato 2023-2027. Os integrantes do goberno acordaron manter conxeladas as dedicacións en 7 fronte o máximo legal que é de 10.
As principais mudanzas tradúcense na rebaixa do soldo do alcalde, cunha redución do 10% acadando a cifra de case 6.000 euros e tamén na redución de cadanseus 2.613€ por cada unha das dedicacións exclusivas quedando en 35.000 euros brutos anuais coa excepción da de Economía e Facenda que ficará nos 42.000 euros brutos anuais.
O rexedor ribeirense Luís Pérez Barral, xunto cos tenentes de alcalde Vicente Mariño e Fran Suárez-Puerta, explicou que os gastos dun goberno que conta con maioría estable de 11 edís serán tan só 23.000 euros máis que o anterior goberno en minoría do Partido Popular de 9 edís.
“É curioso que sexa o Partido Popular quen poña o grito no ceo por 23.000 euros pero nin se inmutou cando provocaron sobrecustos millonarios en infraestruturas que eles mesmos planificaron”. Barral referiuse a casos como os do novo auditorio que pasou dos 2,5 aos 6 millóns de euros, a casa da xuventude cuxo valor inicial era de 860.000 euros acabou nos 1,1 millóns de euros, o mercado municipal elevouse de 2,7 a 3,5 millóns de euros, o pavillón de Palmeira de 1,3 a 2 millóns de euros, a depuradora tivo unha desviación de 1 millón de euros e un longo etcétera como a escola infantil, o matadoiro municipal ou o centro social de Carreira. En total máis de 6 millóns en sobrecustos motivados pola súa mala xestión”.
Desde o goberno municipal remarcan que “por primeira vez en moito tempo” cada área terá á fronte unha persoa preparada e con coñecementos directos na materia que coordinará o que se traducirá na mellora do funcionamento do Concello e na resolución dos problemas que afectan á veciñanza.
Falsidades
Os membros do goberno acusaron ao Partido Popular de querer “embarrar” e “mentir” ao coller as contías económicas do ano 2019 e non as dos últimos anos nos que o ex-alcalde Manuel Ruiz cobraba 60.728€ que a concelleira María Sampedro e Emilio Outeiral superaban os 37.613€.
Pérez Barral recriminou que o PP lle minta á veciñanza e argumentou que “dos 36 anos de gobernos de dereita, en 32 anos non houbo dedicacións”. De feito o rexedor puxo o seu caso como exemplo ao afirmar “eu mesmo estiven 12 anos de concelleiro sen cobrar e compatibilizando co meu emprego”. Barral rematou a súa intervención convidando á portavoz do PP a “descubrir que hai vida laboral, máis alá da política”.
As dedicacións quedan do seguinte xeito: alcalde 55.000€; concelleira de Economía e Facenda 42.000 euros; concelleiro de Servizos Sociais e Mercados Municipais 35.000€; concelleiro de Servizos Sociais e Mercados Municipais 35.000€; concelleiro de Infraestruturas e Obras, Deportes, Transparencia e Participación Veciñal 35.000€; concelleira de Medio Rural e Servizos Municipais 35.000€; concelleira de Cultura, Mocidade, Medio Ambiente e Benestar Animal 35.000€ e concelleiro de Turismo, Festexos, Relacións Institucionais e Novas Tecnoloxías 35.000€.