Saturday 16 de November de 2024

O Partido Popular propón unha oficina municipal de rehabilitación de vivendas en Oleiros


A pesar de PRESENTAR EN TEMPO E FORMA A PROPOSTA PARA SER ELEVADA Ao PRÓXIMO PLENO, O ALCALDE NON PERMITIU INCLUÍLA ENTRE As MOCIÓNS para DEBATER

Desde o Partido Popular de Oleiros consideramos que é un feito indiscutible a existencia de moitos núcleos de poboación e áreas rurais no concello con edificacións antigas nun estado de conservación que se pode cualificar entre regular e malo. En boa parte dos casos, trátase de elementos de arquitectura tradicional que merece a pena conservar, para que Oleiros non sexa unicamente un conxunto de modernas urbanizacións.

A este respecto, a portavoz do PP de Oleiros, Loli Silva declarou: ”Non convén esperar a que o estado ruinoso destas edificacións faga inviable as rehabilitacións desde un punto de vista económico. Certamente, na actualidade existen axudas de diferentes administracións públicas para acometer rehabilitacións, e é necesario informar convenientemente os cidadáns, facilitándolles o acceso ás mesmas.”

Ademais, desde o Partido Popular de Oleiros somos da opinión que estas medidas axudarán a paliar en parte o problema do escaso parque de vivendas en alugueiro no Concello.
“Propoñemos ao concello a creación dunha Oficina Municipal de Rehabilitación e Rexeneración da Vivenda, adscrita á Concellería de Urbanismo, con asignación de funcionarios especializados, #a fin de que asesoren aos veciños necesitados de rehabilitar as súas vivendas ou propiedades inmobiliarias, canalizando as axudas das distintas administracións públicas en materia de rehabilitación, calidade arquitectónica, mellora da habitabilidade, accesibilidade e eficiencia enerxética”, manifestou Loli Silva.

Ademais, a medida do Partido Popular de Oleiros prevé a delimitación de Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), tanto nos núcleos urbanos como nos rurais, prestando especial atención a aqueles de valor arquitectónico tradicional; así como promocionar o destino habitacional para as vivendas tradicionais sen uso.

Conclúe Loli Silva, sinalando: “lamentamos a decisión do alcalde que non tivo a ben incluír no próximo Pleno Municipal este asunto que desde o Partido Popular consideramos imprescindible para a conservación da arquitectura tradicional no noso concello, a pesar de ser presentada a moción en tempo e forma.