Monday 25 de November de 2024

O pregón de Leilía marca o punto de partida das Festas do Apóstolo deste ano


As Festas do Apóstolo 2023 botan a andar mañá, xoves 20, cun pregón a cargo das integrantes do mítico grupo Leilía que terá lugar ás 22.00 h desde o balcón do Pazo de Raxoi. A praza do Obradoiro acollerá a continuación o concerto do recoñecido grupo xamaicano de reggae, The Original Wailers, fundado en 1963 por Bob Marley.

As integrantes de Leilía, Montse Rivera, Felisa Segade, Merchi Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez serán as encargadas mañá de dar a benvida a unha nova edición das Festas que terán por diante once días de música, tradición, danza, cabezudos… así como os tradicionais espectáculos pirotécnicos das noites do 24 e do 31 de xullo.

As compoñentes deste mítico grupo galego foron escollidas como pregoeiras destas Festas tanto polo seu arraigo na cidade como por formar parte do patrimonio musical e cultural de Compostela e polo seu papel como pioneiras na recollida e posta en valor dunha tradición oral e musical baseada nas xuntanzas que facían as mulleres para se divertiren nas aldeas galegas. A praza do Obradoiro acollerá a continuación o concerto do grupo de reggae, The Original Wailers.

Trátase do primeiro concerto dunhas festas que contarán coa presenza de artistas da categoría de Sarah McCoy (venres 21), Angel Stanich (domingo 23) ou Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (luns 24), Cimafunk (martes 25), Tito Ramírez (mércores 26), Verónica Codesal (domingo 30) Xurxo Fernandes (domingo 30) e Bratzantifa Pongo (luns 31). Todos eles pasarán nos próximos días polo escenario da Quintana, ao que se sumará o parque de Galeras cos concertos de L.A. (sábado 22), Lucía Aldao (domingo 23), Anxo Araújo (luns 24), Seso Durán (25 xullo), Catuxa Solom (mércores 26), The Rapants (venres 28 ), Sila Lúa (sábado 29) e Apart (domingo 30).

Tampouco faltarán na Quintana as citas que xa son tradicionais como os concerto da Banda Municipal e a Real Filharmonía de Galicia, as orquestras na Alameda e actuacións musicais na praza de Mazarelos.

O programa tamén fará as delicias dos amantes da vertente máis tradicional coa celebración das Xornadas do Folclore Galego, do Día do Traxe Galego , do TRAD FEST ou do XLV Torneo da Chave, así como as populares alboradas e o desfile dos xigantes e cabezudos. A programación tamén ofrece outras actividades como o Festival Dron Gaelic GP Mundial.

A cita central cos Fogos do Apóstolo a noite do 24 e tamén a do día 31, así como as populares atraccións que desde o sábado 17 ata o domingo 31 de xullo poderán visitarse na Alameda, que este ano ampliará o seu horario inclusivo sen ruído a tres días, en concreto o 22, 28 e 29 de xullo, en horario de 17:00 a 19:00 horas.

O Concello tamén porá á disposición da cidadanía dous Puntos Lila de información e acompañamento sobre violencias sexuais, a disposición de todas as persoas que se acheguen á cidade ou participen nos festexos. A caseta lila da Alameda estará aberta todos os días dende o 20 ao 31 de xullo entre as 20:00 e a 01:00 horas. Este ano tamén sumarase un Punto Lila no parque de Galeras, que estará aberto entre o 22 e o 29 de xullo, en horario de 19:30 a 22:30 horas.

O programa completo está dispoñible na web do Concello.

Leilía

Leilía nace no ano 89 da man de seis mulleres: Felisa Segade, Montse Rivera, Mercedes Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez, que cunha aposta pioneira e atrevida, propóñense recuperar do esquecemento a tradición oral galega, levando por primeira vez aos palcos un espectáculo de pandereitas e voces, acompañado de instrumentos da vida cotía coma latas, sachos, tixola… tal como se facía nas aldeas galegas cando se xuntaban as mulleres para divertirse.

A mediados dos 90 publican o seu primeiro proxecto, “Leilía” (Dismedic), composto exclusivamente por pezas tradicionais baseadas na tradición oral, ao que seguiu “I é verdade i é mentira” (Virgin Records) no 1998, que incorpora instrumentos e polifonías non tradicionais. No ano 2003, publicaron ‘Madama’ (Discmedi) con letras de temática actual que conta coa colaboración do escritor Suso de Toro.

Coincidindo co seu 15º aniversario, ve a luz o álbum “Son de Leilía” (Leilear), un percorrido pola historia do grupo, nun traballo que contou coa participación de artistas como Milladoiro, Budiño, Bleizi Ruz. Ás portas do 2012 sae á luz “Consentimento” e xa no 2019, celebran o seu 30 aniversario coa xira “CantarElas”, un espectáculo que aúna temas emblemáticos con outros pouco coñecidos.

Ao longo da súa traxectoria de máis de 30 anos, Leilía recibe múltiples distincións, entre as máis recentes, o Premio Cornamusa do Festival Atlántica (2019) ou o Premio FADEMUR da Deputación da Coruña pola súa aportación á cultura, á lingua e ás artes.