A concelleira de Transporte Público, Mar Gómez, informou que a compañía de transporte Alsa habilitará servizos especiais de autobús con motivo das festas da Gándara. Así llo trasladaron responsables da empresa, tras unha xuntanza mantida entre as partes, que confirmaron que eses servizos estarán operativos do 25 ao 28 de xullo, incluídos. As paradas máis próximas para chegar á zona das festas da Gándara serán as das Vivendas da Mariña de Narón e do colexio de Chamorro.
Os buses circularán entre a praza de España (Ferrol) e Xuvia os días 25, 26 e 27 con saída ás 00.00 horas, 01.00 e 02.00 e o día 28 a saída será a esas mesmas horas e, a maiores, ás 03.00 e 04.00 horas.
As viaxes á inversa, dende Xuvia ata a praza de España, terán a saída os días 25, 26 e 27 ás 00.30, 01.30 e 02.30 horas e o día 28 nesas tres horas e tamén ás 03.30 e 04.30 horas.
O itinerario previsto dende a praza de España irá polo mercado de Recimil, O Inferniño, Faxardo, San Xoán, a rotonda de San Xoán, Castelos, Vivendas da Mariña, colexio de Chamorro, A Ferrolana, Alto do Castiñeiro, Concello de Narón, Freixeiro, discoteca INK, Lamas, residencia de Piñeiros, Autos Paco, O Ponto, A Revolta, zona do antigo cuartel da Garda Civil de Xuvia e Xuvia.