Friday 22 de November de 2024

O Concello instalará un Punto Violeta para a sardiñada de Mera e as festas de Santa Ana


O Concello de Oleiros, en colaboración coas comisións de festas do municipio, está a traballar activamente para a prevención das violencias sexuais, LGTBIfóbicas e demais violencias machistas durante as festas a desenvolver ao longo de todo o verán nas diferentes parroquias.

Para a sardiñada de Mera deste venres 21 de xullo, haberá un punto violeta na propia praia, en horario de 23:00 a 02:00 h. O día seguinte, con motivo da celebración das festas de Santa Ana, o Punto Violeta instalarase no parque da Lagoa, tamén en horario de 23:00 a 02:00 h.

Os Puntos Violeta son puntos de atención a vítimas de agresión sexual, LGTBIfóbica e calquera outro tipo de agresión machista. Formado por unha equipo experto de profesionais na materia, tamén conta con acompañamento psicolóxico. Ademais, ofrecen información sobre os recursos municipais na materia e realizan accións de sensibilización dirixidas á cidadanía, coas que se busca dotar de ferramentas para a prevención, detección e actuación fronte as ditas violencias.

Un ano máis, coa campaña “Non faltes á festa, pero de festa non faltes”, o Concello busca dotar a toda a cidadanía de ferramentas para a prevención, detección e actuación fronte á violencia de xénero e demais violencias machistas durante as celebracións, actos festivos e espazos de ocio nocturno.