O concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente da Federación Galega de Tríatlon (Fegatri), Javier Campos, visitaron ao equipo Náutico de Narón e o grupo de adestramento do presidente da citada agrupación deportiva, Amando Guerrero. Santalla e Campos felicitaron aos deportistas locais tralos últimos éxitos acadados e desexáronlles sorte de cara a esta fin de semana, que será “intensa” para o Náutico de Narón.
O edil naronés puido conversar coa internacional naronesa Sara Guerrero e tamén con Iratxe Arenal, subcampiona de España elite; David Castro, campión de Europa recentemente e Candela Sánchez, subcampiona no galego xuvenil.
Este sábado disputaranse a sexta e sétima xornadas da Liga nacional de Banyoles, en Girona, e tamén terá lugar o campionato de Europa Youth, no que estará presente a naronesa Lucía Piñón.
“Temos na nosa cidade os mellores representantes de Narón en moitos ámbitos, e un deles é o deportivo, onde entidades como o Náutico de Narón sitúan á localidade na elite do deporte a nivel nacional e internacional, o que é un orgullo para as naronesas e naroneses”, asegurou Santalla. O edil destacou tamén o feito de que “deportistas de alto nivel escollan a nosa cidade para a súa preparación”.