O alcalde, Evencio Ferrero, faralle entrega dunha reprodución do cartel do Concurso de adquisición de pintura galega celebrado no ano 1988
Manuel Facal Ponte naceu o 20 de xullo de 1943. Para celebrar o 80º aniversario do artista carballés máis internacional, o alcalde de Carballo, no nome da corporación, faralle entrega este xoves dun agasallo moi especial: unha reprodución do cartel do Concurso de adquisición de pintura galega convocado polo noso concello no ano 1988. Naquela primeira e única edición presentáranse ao certame oitenta obras e obtiveran os catro premios os artistas Antón Mouzo, Berta Cáccamo, Álvaro Gonzalez de la Vega e Cruz Pérez Rubido.
O acto celebrarase ás 11.00 horas na Alcaldía. Ademais de agasallar a un artista que ten sido embaixador de Carballo por todo o mundo, Carballo quere agradecerlle tamén a extensa colaboración que vén mantendo dende hai anos co seu concello mediante a doazón de obras artísticas como varios cadros de gran formato e as esculturas O Peixe, situada na rotonda da Ponte da Pedra; O Escalo, no parque empresarial de Bértoa, e Enredos, no IES Monte Neme.
Esta mesma semana a Xunta de Goberno Local aprobou a sinatura dun convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e a Fundación Manuel Facal, constituída legalmente en agosto do ano pasado, para o outorgamento dunha subvención nominativa de 12.000 euros co obxectivo de financiar unha serie de actividades que se desenvolverán ata fin de ano.
A Fundación Manuel Facal e o Concello de Carballo están a traballar para que esa cooperación vaia máis alá, por unha banda, coa doazón ao Concello de Carballo de gran parte da obra do artista, que inclúe pinturas, gravados, debuxos, esculturas e outras pezas, e, por outra, coa cesión de uso do edificio familiar de Manuel Facal, situado na rúa do Sol, para convertelo en sede do futuro Centro de Arte Contemporánea Manuel Facal.
Manuel Facal foi galardoado o pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, cun dos premios Bos e xenerosos que concede a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, en recoñecemento ao seu labor no coidado do patrimonio e da lingua galega ao longo dos anos. É un artista con obra plástica nas áreas de gravado, pintura e escultura, cunha traxectoria e oficio de cincuenta anos, na que hai que salientar a colaboración editorial con poetas como Xavier Seoane, Cesáreo Sánchez Iglesias, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Rivas, Xela Arias, Uxío Novoneyra e Miguel Anxo Fernán Vello, entre outros. Do mesmo xeito, é autor de diversos “libros de artista”, como Alba de Gloria, de Castelao; Libro IV do Códice Calixtino, Salve Urbe Magna, Salve Iacobe Gallaetiae e Bandeiras para unha chamada.