Friday 22 de November de 2024

O concello oferta visitas guiadas pola vila de Caión


A iniciativa lévase a cabo a través da oficina municipal de información turística.

O Concello, a través da oficina municipal de información turística que está operativa en Caión desde o inicio do verán, levará a cabo un programa de visitas guiadas polos puntos máis destacados da vila costeira co obxectivo de coñecer o seu presente e tamén o pasado.

O percorrido levará aos participantes polo exterior do Pazo de Graxal, o Rueiro das Figueiras, o barrio de San Roque, o porto, a igrexa da Nosa Señora do Socorro, a reitoral e tramos do paseo marítimo e Sendeiro de Saldoiro. O remate será no museo do Arquivo da Pesca, situado no baixo da Confraría de Pescadores.

Ao estar todos os puntos a visitar moi próximos entre si, a iniciativa vai dirixida a todos os públicos, mesmo ás persoas residentes en Caión.

Para poder participar non se require inscrición previa. O punto de encontro desde o que se iniciará o percorrido é a Praza Eduardo Vila Fano os sábados 22 e 29 de xullo ás 12:00.