Thursday 21 de November de 2024

O Concello concede 2.943 bolsas de comedor, un 6% máis que o ano pasado e a cifra máis elevada desde que se oferta o servizo


As familias xa poden consultar a listaxe provisional de admitidos para o vindeiro curso

Xa poden consultarse no taboleiro de edictos da web municipal, na web de Servizos Sociais e nos taboleiros dos centros cívicos as listaxes coa proposta de resolución provisional de concesión das solicitudes de bolsas de comedor para o curso 2023-2024.

O número de bolsas de comedor concedidas provisionalmente ascende a 2.943, o que supón 177 menores con bolsa máis que na convocatoria 2022-2023, ao redor dun 6% máis que o pasado ano e a cifra máis alta na historia destas axudas. A ampliación das bolsas responde ás medidas sociais postas en marcha polo Goberno de Inés Rey para ampliar a cobertura social. As solicitudes que non foron admitidas obedecen a distintos motivos, entre eles non alcanzar a puntuación mínima exixida, superar os ingresos fixados na convocatoria ou non emendar a tempo a documentación presentada.

O número de menores beneficiarios das bolsas de comedor na cidade medrou de forma exponencial nos últimos anos, cun incremento dun 95% a respecto da convocatoria 2017/2018.

Desde hoxe iníciase un prazo de dez días hábiles no que que as persoas beneficiarias e interesadas poderán aducir alegacións e achegar documentos, que o órgano responsable terá en conta na proposta de resolución definitiva.

As alegacións poderán presentarse:
● De xeito presencial nas oficinas dos Rexistros municipais de María Pita, Ágora, Fórum
e a Franxa, con cita previa

● De forma telemática ou electrónica: na sede electrónica do Concello da Coruña: https://sede.coruna.gal/sede/gl
● Por calquera outro medio dos que permite o artigo 16.4 da Lei 39/2015 do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.