A edil de Festas, Mar Gómez presentou hoxe xunto con Julia Montero, Gloria Couce, Emilio Parada, Fina Montero e Mónica Ramos, representantes da AVV Rosa dos Ventos e integrantes da grande compañía de Teatro comunitario de Sedes, a programación do Oenach atlántico, que alcanza este ano a súa vixésimo terceira edición. A celebración, declarada de Interese Turístico de Galicia, desenvolverase do 28 ao 30 deste mes na campa do Trece, na parroquia de Sedes.
Na xornada do venres 28 ás 21.00 horas procederase ao acto de inauguración, co tradicional acendido de lumes. A música marcará o inicio desta celebración, cunha Noite de música Galiciana a partir das 22.00 horas na que se poderá desfrutar do concerto de música tradicional galega, a cargo de Aliboria.
O sábado ás 11.00 horas abrirá a campa castrexa para que os visitantes poidan ver en vivo como se desenvolvían varios oficios artesáns e de 11.00 a 14.00 a través do Castro miúdo haberá actividades lúdicas, de balde, para pequenos e maiores. Nas inmediacións das pallozas de Sedes, na propia campa, haberá tamén un photocall castrexo, para que as persoas que o desexen poidan retratarse da época cos traxes e indumentarias tradicionais e ao mediodía, ás 13.00 horas, será o momento do vermú Oenach, amenizado con música. Sobre as 14.00 horas, no Oenach gastronómico haberá un espazo de xantares.
Na tarde do 29 continuarán as actividades lúdicas para pequenos e maiores entre as 16.00 e as 20.00 horas e ás 17.00 comezará o espectáculo para público familiar, con cancións, xogos e bailes, “Canta Música”, de Pablo Díaz. Ás 18.30 horas será a Parada etnográfica da música e o baile tradicional, a cargo do Grupo de música e danza tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón e finalmente ás 22.30 a grande compañía de teatro comunitario de Sedes representará, na Noite do castro, a obra “Lúa de sangue”.
A programación da última xornada do Oenach, o domingo 30 de xullo, comezará ás 11.00 coa reapertura da campa castrexa con artesanías ao vivo, o Castro miúdo, con actividades lúdicas –que continuarán pola tarde, de 16.00 a 20.00- e tamén o photocall castrexo e unha mostra de razas autóctonas de can de palleiro. O teatro regresará ao mediodía, ás 13.30, cunha recreación teatral na campa castrexa que dará paso, ás 14.00, ao Oenach gastronómico, no Espazo de xantares. Pola tarde, ás 17.00 Os Ghazafelhos representarán unha peza de teatro familiar, “As minas do Rei Salomón” e ás 18.00 regresará a música tradicional galega da man da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón. Para a clausura desta vixésimo terceira edición do Oenach programouse unha recreación na campa ás 19.00 e tamén un concerto do grupo de música tradicional galega Tiruleque, que dará comezo ás 20.00 horas.
Dende a AVV Rosa dos Ventos valoraron o traballo realizado para levar a cabo este evento cultural e convidaron á cidadanía a achegarse á parroquia esa fin de semana para participar e desfrutar do mesmo.
Pola súa banda, a edil de Festas incidiu na importancia “de continuar mantendo este tipo de celebracións, representativas da nosa cultura e que supoñen toda unha oportunidade de dalas a coñecer grazas ao labor desenvolvido dende o Padroado da Cultura e a asociación de Veciños Rosa dos Ventos de Sedes”. Gómez asegurou que o Oenach “é unha das celebracións máis consolidadas na nosa cidade, a través da que se recrea a vida nos castros nun espazo ideal e ambientado para a ocasión”.
Dende o Concello tamén animaron ás veciñas e veciños de Narón e comarca a visitar o Oenach de Sedes e “desfrutar da completa programación deseñada para estes tres días de festa”.