Os dispositivos, ideados como medida disuasoria para calmar o tráfico nos percorridos peonís cara os centros escolares, estarán ubicados no paseo marítimo, a rolda de Outeiro, A Sardiñeira, a estrada de Eirís e Feáns
O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Mobilidade, ten previsto iniciar nos vindeiros días os traballos para a instalación de cinco novos radares pedagóxicos que estarán ubicados en vías interurbanas próximas a diversos centros educativos da cidade.
Esta medida, posta en marcha polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de reforzar a prevención e o calmado do tráfico nas inmediacións dos centros educativos coruñeses, levarase a cabo nos seguintes enclaves: o cruzamento da avenida Pedro Barrié de la Maza coa rúa Modesta Goicuría —á altura do IES Eusebio da Guarda—; a rolda de Outeiro, na contorna do CEIP Sagrada Familia; a avenida da Sardiñeira —nas proximidades do CEIP José Cornide—; a estrada de Eirís, na contorna do Colexio Internacional Eirís; e a rúa Obradoiro, preto do acceso ao CEIP Manuel Murguía, en Feáns.
A instalación dos cinco novos dispositivos, previa á súa activación, executarase nos próximos días, coa previsión de que a intervención finalice antes de que remate o mes.
Os paneis, de carácter disuasorio
Os dispositivos, que contan cunha pantalla led e un indicador tricolor —en verde, ámbar ou vermello— que amosa a velocidade de circulación do vehículo, ao seu paso, actúan como medida disuasoria e emiten unha advertencia cando se supera o límite de velocidade, sen que implique medidas sancionadoras.