–O candidato ao Senado polo PSdeG na provincia da Coruña amosou o seu compromiso coa asociación galega de centros especiais de emprego para que sigan xerando “200 empregos novos cada ano”
Xosé Sánchez Bugallo, candidato socialista ao Senado na provincia da Coruña, mantivo unha reunión coa asociación empresarial galega de centros especiais de emprego sen ánimo de lucro CEGASAL para amosar o apoio do PSdeG-PSOE ás súas demandas.
Bugallo sinalou, xunto ao presidente de CEGASAL Mino Martínez, que “a Lei de Economía Social do Estado supuxo un avance moi notable, pero aínda ten algunhas limitacións que eles nos están trasladando e que imos apoiar”.
O candidato socialista ao Senado e exalcalde de Santiago de Compostela quixo “reiterar o agradecemento pola acollida e polo excepcional labor que estan a desenvolver”. “No que corresponde ao Partido Socialista, e no que dependa de min persoalmente, poden contar con pleno apoio”, afirmou.
Mino Martínez agradeceu o apoio do PSdeG para “seguir aumentando a nosa plantilla, seguir xerando eses 200 postos de traballo anuais, e dar esas posibilidades de inclusión na sociedade a través do traballo a todas as persoas con discapacidade independentemente do tipo e o grao de discapacidade que teñan”.
“Para nós é moi importante que os partidos políticos e as administracións públicas sexan conscientes da nosa realidade, polo que agradecemos que nos visitedes e vexades de primeira man as nosas necesidades”, sinalou Martínez.
O presidente de CEGASAL concluíu afirmando que “agardamos ter o voso apoio e traballar nesa liña conxunta para seguir mellorando as condicións de vida das persoas con discapacidade”.