A sucesión de roubos que se están producindo nos portos do municipio ribeirense están provocando unhas perdas económicas moi importantes aos mariñeiros, situación pola cal, onte se reuniron os patróns das tres confrarías co novo goberno de Ribeira.
Na xuntanza estiveron presentes o alcalde Luís Pérez Barral, o tenente de alcalde Vicente Mariño, o edil de Mar Fernando Abraldes, o patrón maior de Ribeira José Antonio Pérez, Aguiño José Antonio Santamaría e o de Palmeira Miguel Franco.
Desde as confrarías saben que Portos debe actuar pero piden a colaboración do concello para que haxa maior presenza policial e vixilancia nos peiraos que evite que os ladróns leven os aparatos electrónicos valorados en miles de euros, pero tamén outros como aparellos de pesca ou roupa.
O rexedor ribeirense informou de que xa lle trasladou este problema ao presidente de Portos de Galicia para ver como se pode atallar. Barral cre que sería positivo que houbese un sistema de cámaras de videovixilancia e que houbese unha quenda de gardapeiraos que fixese rondas nocturnas.
Na xuntanza mantida coas confrarías acordaron convocar o Consello Sectorial de Pesca ao que van convidar ao conselleiro de Mar e ao presidente de Portos para que visiten Ribeira e coñezan o problema de primeira man para logo tomar as medidas necesarias que resolvan o problema.