Friday 22 de November de 2024

Adxudicado o contrato de mantemento e reparación da rede viaria por un período de catro anos


O Concello de Carballo destinará un total de 1,4 millóns de euros á conservación das vías municipais urbanas e rurais

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación á empresa Vázquez y Reino do contrato de servizos de conservación, mantemento e reparación das vías municipais por un período máximo de catro anos e un orzamento total de 1,4 millóns de euros. O contrato divídese en dous lotes: un correspondente ás vías urbanas e outro, ás rurais.
Tal como recolle o prego de prescricións técnicas, a empresa encargarase de realizar as melloras necesarias de conservación, mantemento, reparación da base e do firme das rede viaria, así coma da drenaxe das vías. Deste xeito, entre os traballos que debe levar a cabo, sempre seguindo as indicacións dos técnicos municipais, figuran a limpeza e apertura de gabias, reparación de fochancas, renovación da capa de rodaxe, fresado, reforzos de firme, pavimentacións ou reparacións de beirarrúas, entre outros.
Na sesión de hoxe tamén foron aprobadas as bases da convocatoria de asignación de usos das instalacións deportivas municipais a entidades deportivas e/ou educativas sen ánimo de lucro para a temporada 2023-24.
Por outra banda, a Xunta de Goberno Local deu luz verde a varias licenzas urbanísticas, catro delas para proxectos empresariais nos que se investirán máis de dous millóns de euros, en concreto para a edificación dunha nave industrial destinada a comercio de artigos do fogar e doutra para sede dunha empresa construtora, ámbalas dúas no polígono industrial de Bértoa; outra para unha obra no parque comercial A Revolta e a cuarta para unha planta de aglomerado asfáltico en quente na parroquia de Cances.
Así mesmo, foron aprobadas facturas de gasto por un importe total de 48.583,54 euros e o outorgamento de subvencións nominativas á Fundación para a promoción tecnolóxica e industrial da Coruña e da súa área de influencia, por 15.000 euros, e á Fundación Manuel Facal, por 12.000 euros.