Achégase unha fin de semana que, sen desmerecer a que acabamos de pasar, está marcada no calendario cunha chea de eventos en todo o país con motivo do Día de Galicia. Un 25 de xullo que este ano cae en martes, que é festivo de ámbito estatal e que para moitas e moitos será de ponte, se é que non están xa de vacacións. Por cadrar a comezos da semana que vén, o Concello de San Sadurniño decidiu adiantar ao venres 21 as dúas actividades programadas para o Santiago: a actuación ao mediodía de Galifunk Brass na Casa da Cultura, e a de Ghop!, que terá lugar na área recreativa da piscina á tardiña.
Galifunk Brass traerá a San Sadurniño o seu formato de grande banda de metais formada por intérpretes profesionais que ofrecen unha proposta ben orixinal, consistente en mesturar a música disco, o funky e outros estilos de onte e hoxe nun repertorio variado e con arranxos propios.
Segundo aseguran desde Culturactiva -a cooperativa que concentra o maior catálogo de espectáculos de Galicia-, Galifunk Brass Galifunk “ten como finalidade formar parte da cultura musical do país, dando un punto de vista diferente ao estilo de música ao que se adoita asociar a súa formación instrumental, apostando sempre polo bo gusto e por sorprender con temas que nunca se esperarían dunha agrupación destas características, ofrecendo un espectáculo moi variado, intepretando temas onde predomina a improvisación, ritmos pegadizos, a virtuosidade e mesmo pequenas incursións no rap”.
Con esta carta de presentación, que pode contrastarse nos seus vídeos en youtube, cabe agardar unha actuación sorprendente e deleitosa para o oído, á que poderemos asistir este venres 21 de xullo a partir das 13:00h na Casa da Cultura con entrada de balde.
O concerto ten parte do aforo cuberto, posto que a el asistirán as 35 nenas e nenos do programa lúdico Aldea de Verán xunto coa rapazada do Campus deportivo organizado polo CV Aldebarán, que sumará outros 25 espectadores e espectadoras.
Teatro de rúa na piscina
Xa no serán, a iso das 19:00h, as propostas culturais con motivo do Día de Galicia trasládanse á área recreativa da piscina co espectáculo GHOP!. Teatro de rúa “áxil, participativo e cheo de humor” que é en esencia un show de varietés que combina e condensa nunha hora a mellor tradición dos malabares, o clown, a maxia, os monicreques e a música, pensando especialmente no público familiar.
A montaxe, producida por Teatro ó Cubo, conta con Sofía Espiñeira, Noel Fandiño e Roberto Casal encadeando números abraiantes que, segundo a compañía, “buscan homenaxear aos circos ambulantes que durante moito tempo percorreron as prazas de vilas e as aldeas”.
Tanto GHOP! como a actuación de Galifunk Brass forman parte da rede cultural Dinamiz-artj promovida polo Instituto para la Transición Justa (ITJ) a través da Fundación Ciudad de la Energía-CIUDEN.