O ciclo “Novembro, Mes do Humor”, que organiza a Concellería de Cultura e Ensino, chega ao seu fin este venres con “Qué cousas!”, o último espectáculo do coñecido narrador e contacontos Cándido Pazó . A función comezará no salón de actos da Casa da Cultura de Fene (Avda. de Conces, 20-22) o venres ás 21 horas (trala inauguración da exposición “Ibáñez, el Mago del Humor”. As entradas serán de balde aínda que, para asistir ao espectáculo, será preciso recoller invitacións (2 por persoa) o mesmo día da actuación na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo está limitado a 120 persoas.
“Qué cousas!” é un espectáculo de narración oral “tabernaria”, a medio camiño entre o conto e o monólogo cómico. Unha ristra de lerias e historias baseadas en verdades que parecen mentira ou en mentiras que parecen verdade. Nun híbrido entre o narrador e o xograr da palabra, entre o lingoretas de taberna e o bululú teatral, as historias que conta Cándido Pazó son escollidas e administradas sobre a marcha, dependendo do ambiente, do público, da gana e da inspiración do “conteiro”.
Cándido Pazó ten un estilo de contar que se sitúa entre a oralidade máis coloquial e unha intuitiva e non ensaiada estilización escénica, buscando a fronteira entre o culto e o popular, co humor como mecanismo de comunicación directa co público.
Cándido Pazó é actor, autor teatral, guionista de series televisivas e director de escea con numerosos espectáculos estreados e premiados, entre os que destacan “O merlo blanco” (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil, 1989), “Commedia, un xoguete para Goldoni” (Premio Compostela 93 e Premio da Crítica do País Valenciano 94), “Nano” (Premio María Casares 99 á Mellor Dirección e á Mellor Adaptación), “O bululú do linier” (Premio María Casares 2000 ao Mellor Texto Orixinal), “Ñiqui-Ñaque” (Premio Max 2002 ao Mellor Texto en Galego), “Bicos con lingua” (Premio María Casares 2004 ao Mellor Texto Orixinal), “García” (Premio María Casares 2005 ao Mellor Texto Orixinal), “A piragua” (Premio María Casares 2008 ao Mellor Texto Orixinal), etc.
Presente en numerosos eventos e festivais internacionais de oralidade de España, Portugal, Polonia, Alemaña, Bélxica, Croacia, Suiza… Cándido Pazó é autor da maior parte das súas historias (inda que tamén as recolle da tradición e da literatura) e ten querencia polo chamado conto tabernario ou de tertulia: enviados de anécdotas, sucesos e personaxes dos que demostran que a realidade supera á ficción.