Saturday 16 de November de 2024

O Concello dá continuidade á súa rede de senllas sostibles na contorna dos ríos Xarío e Baxoi


● Manuel Vázquez Faraldo recibiu hoxe á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para visitar as actuacións que se están levando a cabo.

● O proxecto, financiado con fondos Next Generation dirixidos a través da Consellería, inclúe actuacións de conservación, xestión da biodiversidade e melloras da conectividade.

O Concello de Miño continúa, paso a paso, executando e ampliando a súa rede de senllas sostibles. Hoxe, luns 17 de xullo, o alcalde de Miño, Manuel Vázquez Faraldo, recibiu á vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para visitar as actuacións que se están levando a cabo no proxecto de conservación, xestión da biodiversidade e melloras na conectividade no contorno dos ríos Xarío e Baxoi.

Na visita tamén estiveron o delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, o presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, José Antonio Santiso Miramontes, e a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo Piñeiro.

O proxecto, que ten un orzamento total de 98.652,84 euros e conta cunha subvención de 80.000 euros con cargo aos fondos europeos Next Generation que se dirixen a través da Consellería de Medio Ambiente, inclúe actuacións na contorna de ambos os ríos.

No río Xarío puxéronse en valor cinco antigos muíños, realizáronse actuacións de fomento de polinizadores no contorno do campo de golf, mellorouse a conectividade peonil entre a Fraga do Xarío e a Praia Grande mediante pasarelas de madeira e erradicáronse especies exóticas e alóctonas (Tradescantia fluminensis, Cortaderia selloana, Eucaliptus spp, Bambú, Clathrus archeri).
Doutra banda, nas marismas do Baxoi, recuperarase a senda costeiro-fluvial na contorna do rio Baxoi, crearase un tramo de 100 metros de pasarela de madeira no bordo da marisma do Baxoi, eliminarase o plumacho e tamén se erradicarán especies exóticas e alóctonas (Tradescantia fluminensis, Cortaderia selloana, Eucaliptus spp)
Manuel Vázquez Faraldo explicou que “ou que estamos facendo é poñer en valor un espazo natural que permite ademais favorecer a mobilidade e conectividade peonil a través dun itinerario fermoso nun espazo de titularidade pública” e *Ánxeles Vázquez salientó o traballo que está a levar a cabo o Concello e resaltou a sensibilidade coa que o goberno local está a desenvolver estas actuacións.