As vodas de ouro do Puebla F.C. festexaranse no 10 de agosto cun partido no estadio municipal da Alta, ás 19.30 horas. No encontro, o R.C. Deportivo de 1.ª Ref. e a S.D. Compostela de 2.ª Ref. disputarán o trofeo conmemorativo.
A venda de entradas estará operativa nos vindeiros días no Liceo Pueblense e tamén haberá puntos móbiles dos cales se informará no Facebook do club pobrense, segundo explica o seu presidente, Nelson Barreiro. De sobraren entradas, tamén se poderán adquirir na taquilla no propio día do evento. O prezo sitúase nos 12 euros por persoa adulta e nos 8 euros para crianzas menores de 10 anos.
O concelleiro Eloy Sobrido comunicóulle-los seus parabéns por este 50 aniversario; unha lonxeva e fecunda traxectoria que se traduciu en numerosos logros, xogadores e afeccionados/as á práctica do fútbol que construíron unha gran familia deportiva. Neste senso, o edil incidiu no apoio da Administración local ao deporte local; entre eles, o fútbol.