Friday 22 de November de 2024

A praza da Gándara acollerá o vindeiro luns o Entroido de verán, organizado pola asociación ASCM en colaboración co Concello e a Comisión de Festas da Gándara


A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou hoxe xunto con Paula Gárate, presidenta da Asociación Sociocultural ASCM e Eva Romero, presidenta da Comisión de Festas da Gándara, o Entroido de Verán, que se celebrará o vindeiro luns, día 24, na praza da Gándara. A cita complementará o inicio das festas patronais do barrio, que se desenvolverán nesas datas.
A presidenta da ASCM explicou que se repartirán 300 euros entre as persoas gañadoras, podendo anotarse as interesadas en participar ata o propio día 24 ás 13.30 horas a través do código QR do cartaz do evento ou contactando directamente coa ASCM a través dos números de teléfono 981 351 430, 604 055 703 ou do mail info@ascmgalicia.org. Gárate avanzou que se repartirán 300 euros en premios no concurso de disfraces, cuxo xurado estará integrado por un representante das comparsas colaboradoras: Argalleiros, Parrandolos e Os Colludos: outro da Comisión de Festas da Gándara e a edil de Festas de Narón.
A programación comezará a desenvolverse ás 16.30 horas, co inicio das actividades previstas, e de 17.00 a 18.30 haberá xogos acuáticos. A concentración das persoas disfrazadas tamén dará comezo ás 18.30 e entre as 19.00 e as 20.00 haberá un pasarrúas da comitiva pola Gándara. A entrega de premios está programada para as 20.30 e de 20.30 a 21.00 amenizarase con música o peche deste Entroido de Verán.
“A actividade impulsada dende a ASCM xorde para favorecer a participación en actividades adaptadas a xente máis nova dende unha perspectiva interxeracional e inclusiva, que fomente a cultura creativa a través de disciplinas como a música e o baile”, destacou a presidenta da asociación.
Ademais do Concello de Narón, colabora nesta convocatoria a administración autonómica, a través do programa Iniciativa Xove.
A presidenta da Comisión de Festas da Gándara valorou a organización desta iniciativa, e recordou que no barrio haberá tamén o día 28 unha Festa do neno, con varias atraccións infantís –a prezos populares- na rúa Campoamor a partir das 18.00 horas organizada pola citada comisión.
A edil de Festas asegurou que “é un pracer colaborar coa ASCM neste Entroido de Verán, que como destacaba a presidenta da asociación supón toda unha oportunidade para participar nunha actividade inclusiva, avanzando nun camiño moi importante na nosa sociedade con esta proposta á que animo a participar ás nosas veciñas e veciños”.