Friday 22 de November de 2024

Socialistas históricos da provincia da Coruña refrendan o seu apoio a Pedro Sánchez nun manifesto encabezado polos expresidentes Laxe e Touriño


Máis dun centenar de veteranos militantes do PSdeG-PSOE na provincia da Coruña, moitos deles con décadas de militancia no partido ou que tiveron responsabilidades orgánicas e institucionais tanto a nivel local coma provincial, rexional ou nacional súmanse ao manifesto de apoio ao presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, impulsado desde a Agrupación Provincial dos Socialistas Socialistas coruñeses.

O manifesto está encabezado coas sinaturas dos expresidentes socialistas da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe e Emilio Pérez Touriño, aos que se suman decenas de coñecidos nomes de históricos do socialismo na provincia, entre eles exalcaldes coma Javier Losada (A Coruña), Manuel Couce e Vicente Irisarri (Ferrol), Julio Sacristán de Diego (Culleredo), Manuel Lagares (Betanzos), José Luis García (Brión), Manuel Valeriano Alonso (Camariñas), Manuel Lamela Lestón (Cee), José García Liñares (Cerceda), José Manuel Pequeño (Dumbría) ou José Luís Armada (Cariño).

Outros nomes coñecidos do socialismo da provincia da Coruña que xa sumaron a súa sinatura a este manifesto son Antolín Sánchez Presedo, Rosa Gómez Limia, José Carrillo Souto, Francisco Sineiro, Marisol Soneira Tajes, Francisco Cerviño, Carlos González-Garcés, Moisés Rey Martínez, Antonio Campos Romay, Marián Ferreiro, Carmen Marón Beltrán, Javier Varela Tejedor, Amable Dopico, Luís Tojo Ramallo, Jano Leis Carles, Antonio Lagares Pérez, Manuel Anxo Cendán Dopico, Esther Fontán, Manuel Regueiro, Aurora Moinelo ou María José Cebreiro.

A primeira deputada de esquerdas do Parlamento de Galicia, históricos da loita pola democracia durante a ditadura, referentes do mundo sindical ou dos movementos veciñais, ex deputados/as e ex conselleiros socialistas figuran entre os asinantes. Todos eles e todas elas, no texto do manifesto que suscriben, afirman sentirse representados polo presidente do Goberno e secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, ao que dan o seu apoio “sen reservas” para as eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo.
O manifesto trata de “romper coa falsa imaxe” que o PP de Feijoo trata de xeralizar de que os militantes históricos do Partido Socialista non apoian a este goberno nin ao seu presidente e insta a sumarse ao mesmo a outros militantes e agrupacións provinciais que comparten as mesmas conviccións.
“O manifesto pretende romper a principal mentira de Feijoo, que é a de derogar o sanchismo. O que queren derogar é a suba das pensións, do salario mínimo, a reforma laboral, a baixada dos prezos da enerxía e a maior creación de emprego da historia deste país”, afirma o secretario provincial dos socialistas coruñeses, Bernardo Fernández, que afirma que os asinantes “defendemos con orgullo os principios e valores dun partido con 144 anos de historia” e “unhas siglas, as do PSOE, que trouxeron a este país todos os dereitos e liberdades dos que goza hoxe a sociedade española e fixeron avanzar a España”.
Bernardo Fernández destacou que “fronte á campaña das mentiras e a descalificacións permanentes da dereita e a ultradereita, reivindicamos unidos e con orgullo o traballo feito durante varias xeracións e dedicamos todos os nosos esforzos a explicar o noso proxecto á sociedade desta provincia ante unhas eleccións decisivas para o futuro do noso país”